Skip to main content
Axenda Caducada

Becerreá, As Pontes e Monforte acollerán cursos sobre o mel

Por 19 outubro, 2021outubro 24th, 2021Sin comentarios

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, impartirá varios cursos nos vindeiros días centrados no mel. En Becerreá e nas Pontes tratarase a calidade do mel desde o punto de vista científico, mentres en Monforte de Lemos se abordará o mel como produto con cata incluída.

O primeiro dos cursos ten previsto celebrarse entre mañá e o mércores no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Becerreá, así como entre os vindeiros sábado 23 e domingo 24 de outubro na Casa do mel de Goente. En total, serán 10 horas de formación que buscan fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas ao tempo que se garante a sustentabilidade da economía rural. Na acción, trataranse os parámetros de calidade do mel a ter en conta no laboratorio, tanto os físico-químicos, como os de orixe botánica e os organolépticos. 

Canto á iniciativa prevista no CFEA de Monforte, está programada este xoves 21, de 16,00 a 21,00 horas. Centrarase nos parámetros físico-químicos do mel, nos valores típicos deste produto na nosa comunidade e na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia. Así mesmo, abordaranse as características palinolóxicas do mel, a súa cristalización e as súas alteracións máis comúns, para finalizar cunha cata de distintos tipos de mel. 

As accións están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. Os interesados en acudir a calquera dos cursos poderán cubrir a solicitude pertinente que atoparán no seguinte enlace:  https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021. Nos casos de Becerreá e As Pontes poderán enviala cuberta ao enderezo electrónico mercedes.fra.perez@xunta.es e consultar calquera dúbida no teléfono 982828370. No que respecta ao curso de Monforte, ten o número de teléfono 982889106 e o enderezo electrónico cesar.crespo.vazquez@xunta.gal para solicitar asistencia. 

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma estes. 

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.