Skip to main content
Axenda Caducada

Lois Pérez estará este sábado na Casa Museo de Manuel María

Por 19 Outubro, 2021Outubro 23rd, 2021Sin comentarios

O contador de historias e escritor Lois Pérez estará este sábado, 23 de outubro, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María cun espectáculo de narración oral especial elaborado para a ocasión, Entresoños chairegos, cabana e trasmundo.

A sinopse do espectáculo é o seguinte: “O caos é a orde natural do mundo: teno pensado algún cando lle barreron os dentes. O contador de historias Lois Pérez procura conservar os seus e atraca co seu discurso terrachaísta este sábado na Casa-Museo Manuel María. Malia a carencia de recursos que sempre o aflixe, pousará a mirada do humor nun feixe de historias de fasquía informe: sucedidos chairegos, novos episodios familiares, vagas influencias literarias, contos da xente -a urbana e a rural-, aventuras na emigración, un romance e un encontro -que non romance- co presidente da Deputación de Ourense e outros seres igualmente brutais da mitoloxía galega. Lois Pérez é, coma seu pai, da casa do Havanero, en Momán, Cospeito, Terra Cha, cha, cha”.

Lois Pérez mestre, poeta, dramaturgo e contador de historias, ten como centro da súa actividade artística a narración oral e a escrita. Recentemente vén de participar como guionista e narrador, baixo a dirección artística da música Uxía Senlle, no documentario Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra, un percurso por lugares onde habitou o silencio, o medo e a perda, poboándoos de música, cancións e palabras.

O billete para asistir a este espectáculo é de 5 euros. Cómpre reservar previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whataspp 698177621

A banda de rap galega SonDaRúa levará a cabo un concerto na Casa-Museo Manuel María o 30 de outubro.

A Casa-Museo Manuel María vén de anunciar, así mesmo, que Hugo Guezeta, Álex Arnoso e That Bass como DJ, SonDaRúa, estarán o sábado 30 de outubro, ás 20 hrs, cun concerto onde interpretarán as cancións do seu último traballo, Eterno Combate. As entradas xa se poden reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whataspp 698177621.