O Día do Veciño reuniu a un milleiro de persoas no Pazo de Feiras de Lugo

LugoXa
O Día do Veciño reuniu a un milleiro de persoas en Lugo e incluíu unha exposición, un partido de fútbol, e actuacións de música
dia vecino lugo
dia vecino lugo
24 oct 2021

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo organizou no Pazo de Feiras e Congresos a 19ª edición do Día do Veciño, unha cita a que acudiron o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a rexedora lucense, Lara Méndez, medio cento de representantes de asociacións veciñais e uns 1.600 participantes. 

A Deputación colaborou con este evento cunha achega económica de 18.000€, destinados, entre outros fins, a distribuír entre os asistentes produtos de proximidade.

Tomé Roca, que felicitou a todos os premiados neste encontro coa V de Veciño, puxo en valor o comportamento “exemplar” da veciñanza durante a “durísima crise sanitaria”. “Xa merecíamos esta volta á normalidade, sempre dende a prudencia, por suposto, pero podemos volver a xuntarnos e recuperar o trato coas nosas familias, cos nosos amigos, cos compañeiros”, sinalou o presidente, que engadiu que “en tempos de illamento ou de restricións, comprobamos canto botamos de menos ós demais, á nosa familia e ós nosos veciños”.

“As festas son tamén o momento de ilusionarse co futuro, e eu estou seguro de que, polo que respecta á recuperación, a provincia de Lugo vai seguir contando, coma sempre, co traballo do movemento veciñal”, sinalou José Tomé. O Presidente tamén destacou o peso deste encontro na provincia e no conxunto de Galicia e apuntou que “o avance da sanidade pública, as reclamacións en ferrocarril e transporte por estrada ou a defensa do ensino público son grandes liñas de progreso que avanzaron sempre acompañadas polo empuxe do movemento veciñal da provincia”.

O mandatario provincial puxo en valor o compromiso e o traballo da veciñanza e lembrou que a Deputación “colabora e vai seguir colaborando co tecido veciñal porque é unha ferramenta importante para seguir mellorando a vida da xente e impulsar o desenvolvemento económico do territorio”. 

“Cando me preguntan polo futuro da nosa provincia, eu sempre son optimista. Temos un sector agrogandeiro e forestal punteiros; temos universidades públicas e centros de I+D+i; somos un destino turístico cada vez máis apreciado e máis demandado... pero, sobre todo, temos veciños e veciñas comprometidos co futuro desta terra. E este é, sen dúbida, o noso gran valor engadido: a forza e o compromiso da xente”, concluíu Tomé Roca na súa intervención.

Durante toda a xornada, os asistentes puideron desfrutar dunha ampla programación de actividades, que incluíu un partido de fútbol entre xornalistas, unha exposición sobre as xornadas reivindicativas da Federación, diferentes actuacións de música e baile tradicional e un reparto de lotes de produtos da provincia. Ademais, a Federación de Asociacións de Veciños recoñeceu a labor de 23 persoas que destacaron por desempeñar un papel fundamental na dinamización e promoción da súa comarca e no conxunto da provincia.