Aberto o prazo para solicitar as bolsas ao Talento Deportivo do Concello de Lugo

LugoXa
O Concello de Lugo, a través da área de Deportes, abre o prazo para solicitar as bolsas municipais ao Talento Deportivo
gala talento deportivo Lugo
gala talento deportivo Lugo
29 oct 2021

O Concello de Lugo, a través da área de Deportes, abre o prazo para solicitar as bolsas municipais ao Talento Deportivo, destinadas a deportistas individuais que destacaran pola súa participación en eventos deportivos con resultados relevantes a nivel autonómico ou nacional na tempada pasada.

Trátase dunha axuda destinada aos deportistas que se atopen federados, coa que pretenden fomentar a práctica deportiva e a súa participación en competicións, axudando desta forma a que sufraguen os gastos que ocasiona a realización das mesmas.

Os deportistas deberán estar empadroados no Concello de Lugo dentro do prazo de presentación e federados na tempada 2020, e como mínimo con alta no Padrón Municipal desde o 1 de xaneiro dese ano.

Os interesados teñen ata o próximo 19 de novembro para presentar as súas solicitudes, nun prazo de 15 días hábiles, ben por vía electrónica (a través da sede electrónica) ou no rexistro do Concello, para o que deberán achegar a documentación correctamente cumprimentada. Terán que acreditar que son deportistas non profesionais empadroados en Lugo, así como estar en posesión da licenza en vigor correspondente da federación.