O Concello de Lugo humanizará Paradai coa creación dunha nova zona de descanso

LugoXa
O Concello de Lugo humanizará Paradai coa creación dunha nova zona de descanso na confluencia de Río Sil, Hórreo e Ferro Caaveiro.
humanizacion confluencia de Rio Sil, Horreo e Ferro Caaveiro LUGO
humanizacion confluencia de Rio Sil, Horreo e Ferro Caaveiro LUGO
10 nov 2021

O Concello de Lugo humanizará Paradai coa creación dunha nova zona de descanso na confluencia de Río Sil, Hórreo e Ferro Caaveiro. Esta actuación terá unha tripla vertente: urbanística, social e de servizos para rexe-nerar a contorna, incrementar as dotacións e favorecer a convivencia cidadá.

Así presentaron á veciñanza os detalles do proxecto co que se pretende incrementar a comodidade e habitabilidade do barrio. A obra, terá un prazo de execución de tres meses e suporá un investimento municipal de 48.373 euros.

Dende o Concello din que “trátase dunha actuación coa que dende o goberno local queremos dar resposta á sensibilidade cidadá que, a través do movemento asociativo, nos trasladou o seu interese por dispoñer dun punto común de encontro que, ao tempo que posibilite a socialización, axude a mellorar, tamén, a súa imaxe dentro do conxunto da cidade”, sinalan.

“Por unha banda contribuirán a rexenerar a contorna, dotando a este espazo – xa moi envellecido e que levaba anos sen modernizarse – dunha nova aparencia que lle conferirá unha identidade propia, grazas ao deseño específico co que foi proxectado, en consonancia co resto de intervencións que estamos levando a cabo noutros barrios da capital e co obxectivo de incrementar a súa habitabilidade e confort para a poboación”, engaden.

“Por outro lado, temos que destacar tamén a transcendencia que, logo da pandemia, adquiren, nas cidades, os lugares de socialización ao exterior, en tanto favorecen as relacións persoais – fundamentais para a saúde mental e física – e predispoñen á convivencia interxeracional nun marco seguro polo que a rehabilitación desta praza suporá un impulso a cuestións tan importantes para o benestar social como a integración e a inclusión efectivas”, subliñan.

“E, finalmente, non podemos esquecer tampouco a necesidade, como é a nosa vontade, de seguir creando dotacións que dean servizo á cidadanía, que nos permitan avanzar na equiparación de infraestruturas en todo o municipio. Neste caso, falamos dunha comunidade residencial integrada por moitas vivendas que carecían dun lugar de reunión ou de mobiliario axeitado que convide á parada e ao descanso”, indican.

A intervención terá lugar nunha parcela municipal, catalogada como zona verde, de 134’22 m², que se sitúa na intersección das devanditas vías, polo que resulta un punto de paso obrigado para as persoas que precisen desprazarse dunha parte á outra.

Nese enclave e segundo relataron crearase un pequeno percorrido peonil circular, cunha traza en planta semellante a un oito, que disporá dun banco continuo da mesma forma. Este conxunto encerrará unha gran árbore cuxa misión será a de proxectar sombra sobre a superficie de asento. Igualmente contará con iluminación indirecta para achegar calidez nocturna ao espazo reformado. Este espazo irá dotado con iluminación led no perímetro do mobiliario e con balizas e luminarias empotrables.

“Os labores comezarán coa retirada do pavimento existente e a creación da nova zona verde así como a cimentación da estrutura prevista co perfil específico e, posteriormente, acometerase o muro de formigón curvado e un banco continuo que terá ao redor de 29’50 metros de lonxitude. O asento estará revestido dun laminado compacto decorativo de alta presión. Con este tipo de elemento e a súa disposición en planta preténdese crear un percorrido circular dentro da pequena praza. Toda a superficie exterior ao mobiliario exposto dentro da zona de actuación converterase nun manto de céspede ornamental e a área interior que pecha o muro acollerá un xardín que terá como protagonista principal unha gran árbore”, explicaron.