Actividades polo 21 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

LugoXa
A área de Cultura celebra o 21 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade con actividades para toda a veciñanza
lugo muralla
lugo muralla
14 nov 2021

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou as actividades coas que o Concello de Lugo celebrará o 21 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. As actividades, que terán lugar o vindeiro domingo 28 de novembro, consistirán en xogos tradicionais, poesía e música “para celebrar unha data importante para todas as veciñas e veciños de Lugo”.

A área de Cultura decidiu organizar as actividades o domingo 28, en lugar do martes 30 “para facilitar a asistencia da veciñanza a todas as actividades que desexen”.

As inmediacións da Muralla animaranse durante a tarde con concertos das distintas agrupacións musicais do Conservatorio de Lugo e cun roteiro poético musical protagonizado por poetas e instrumentistas de Lugo de recoñecida traxectoria.

Durante a mañá, contarase cunha mostra de xogos tradicionais no propio adarve da muralla, a cargo da asociación Xotramu. Todas as actividades estarán abertas á participación de todas as veciñas e veciños que desexen pasear ese día pola Muralla “e celebrar un ano máis a proclamación como Patrimonio da Humanidade do noso monumento máis importante”, sentenciou Maite Ferreiro.