O Servizo de Gandaría de Lugo impartirá cursos sobre benestar animal

LugoXa
Lugo acollerá cursos sobre benestar animal organizados pola Consellería do Medio Rural e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
transporte animal cerdos camion
transporte animal cerdos camion
18 nov 2021

Os lucenses poderán participar no edificio administrativo da Xunta de cursos sobre benestar animal organizados pola Consellería do Medio Rural e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria. O primeiro -centrado no transporte- está programado entre o luns 22 e o xoves 25 de novembro, mentres o segundo -relacionado coas explotacións avícolas de carne e de posta- está fixado entre o luns 29 de novembro e o xoves 2 de decembro, ambos con 20 horas de duración de 16,00 a 21,00 h.

Impartido polo Servizo de Gandaría de Lugo, a acción de benestar animal no transporte está dirixida especialmente a transportistas con persoal ao seu cargo e a coidadores durante o transporte, para mellorar as súas competencias e diminuír o número de incidencias. Así, abordaranse temas como a saúde e a seguridade no traballo, o manexo, a hixiene e a prevención sanitaria ou a lexislación sobre benestar animal. Haberá un módulo xeral e outro específico, ambos con casos prácticos e proba de aptitude final.

No que se refire á formación para explotacións avícolas, está concibida fundamentalmente para facilitarlles aos produtores unha nova visión dos aspectos sanitarios e de bioseguridade máis esixentes relacionados co transporte neste tipo de granxas. Deste xeito, primeiro trataranse as particularidades da produción avícola e logo as diferencias entre as distintas especies, para continuar cunha introdución ao benestar animal. Seguidamente, abordaranse os requisitos mínimos aplicables nestas explotacións, os coidados de emerxencia e medidas preventivas así como as novas tecnoloxías para o control ambiental das naves de produción, para finalizar cunha proba de aptitude.

As actividades están dirixidas en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma estes.