Skip to main content
Axenda Caducada

Volve Lúas de Outono, dedicado á figura de Manuel María

Por 14 Decembro, 2021Decembro 15th, 2021Sin comentarios

A presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos e viúva do escritor, Saleta Goi, e o secretario da mesma Fundación, Alberte Ansede, presentaron a XII edición de Lúas de Outono 2021. Estiveron acompañados de Xurxo Couto, responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña, entidade que colabora co evento.

Despois de once anos de celebración ininterrompida, no ano 2020 non se puido realizar por mor da pandemia. Neste ano retómase aínda que desprazándoo un pouco da súa data habitual -mediados de setembro, na proximidade á data de falecemento do escritor- por mor de novo da reorganización de actividades derivada da covid.

As Lúas de Outono é unha celebración cultural arredor da obra e figura de Manuel María. O escritor viviu na cidade da Coruña nos últimos anos da súa vida, en concreto desde que se xubilou, establecéndose no barrio de Monte Alto. Por tanto, foi A Coruña o lugar que el escolleu para vivir e tamén foi o lugar onde faleceu. A súa presenza deixou unha grande impronta na nosa cidade. Sen dúbida que é neste acto de homenaxe anual realizado na proximidade da data do seu falecemento no que se manifesta e se renova o cariño que o público en xeral, e os seus lectores/as en particular, lle profesaban. A magnífica receptividade do público nas once edicións anteriores así o ten constatado até o punto de converter as Lúas de Outono nun referente cultural da cidade da Coruña.

Na súa intervención, o secretario da Fundación Manuel María afirmou que “non queremos que Lúas de Outono sexa un evento nostálxico ou melancólico de recordo do amigo escritor desaparecido. Nós queremos que sexa unha celebración da súa obra, queremos que Manuel María sexa memoria viva. En definitiva, queremos que a cidade da Coruña desfrute da súa obra. E, neste caso, queremos facelo coa estrea dun espectáculo que recrea os seus textos e a súa figura mediante a maxia, unha expresión artística da que apenas botamos man nas once edicións anteriores”. Efectivamente, nas edicións anteriores as protagonistas foron outras expresións artísticas como a música en diferentes estilos (clásica, rock, folk), a danza, o teatro, a creación audiovisual e o recitado poético. Coidamos – dixo Alberte Ansede- que “para o contexto presente nada mellor que botar man da maxia, expresión artística que, ademais, mantén un paralelismo claro coa literatura en canto a capacidade de imaxinación, de inventiva, de creación de expectativa, de sorpresa ou aparición do inesperado”.

Os magos que protagonizarán a noite son dúas persoas moi vinculadas a Manuel María. Por unha parte, O Mago Antón, de longa experiencia profesional, -que mantivo unha fonda amizade co escritor e con quen coincidiu en numerosas actividades culturais e celebracións festivas por todo País e mesmo fóra del. Por outra, David Méndez, un mago veciño de Manuel María, por tanto, nacido en Outeiro de Rei, que xa desde o ano 2016 incorporou no seu repertorio algúns números de maxia que partían de situacións presentes na obra de Manuel María.

O secretario da Fundación anticipou que ”Un trebón de maxia” é unha suma de xogos de aparicións, desaparicións, transformacións e adiviñacións que fan referencia a aspectos da obra literaria de Manuel María e a unha chea de recordos e vivencias dos dous magos co escritor. O Mago Antón e David Méndez prometen facer todo o necesario para que Manuel María apareza por arte de maxia na vida de todas as persoas asistentes, aínda que sexa tan só durante 70 minutos”.

A actuación deste mércores suporá a estrea deste espectáculo máxico-teatral. A partires dese momento estará en xira por todo Galiza pois o mago de Castroverde e o de Outeiro de Rei queren que a memoria de Manuel María non esmoreza endexamais e que todos os públicos poidan desfrutar dun espectáculo no que os versos do poeta forman parte do xogo da maxia.

O evento celebrarase no Teatro Rosalía o próximo mércores ás 20:30 horas, con entrada libre e gratuíta até completar o aforo. Abriránse as portas do teatro media hora antes.

A presidenta da Fundación, Saleta Goy, agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña e a presenza do seu responsábel de Cultura, Xurxo Couto e tamén do Concello da Coruña pola cesión do Teatro Rosalía para o evento.

Pola súa parte, Xurxo Couto destacou o carácter multifacético que vén tendo a celebración e a boa acollida entre o público da Coruña e a súa contorna. Así mesmo agradeceu á Fundación Manuel María o traballo que vén realizando para a conservación do legado do escritor e a difusión da súa obra.