A Deputación renova o apoio ás empresarias e emprendedoras lucenses nos IV Premios Son Muller

LugoXa
La Diputación de Lugo colabora con la cuarta edición de los Premios Son Muller que apoya a las empresarias y emprendedoras lucenses.
Presentación Premios Son Muller
Presentación Premios Son Muller
10 dic 2021

A Deputación de Lugo colabora un ano máis cos premios Son Muller, organizados pola Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU). O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este xoves na presentación da cuarta edición destes galardóns, que “visibilizan e recoñecen o talento e o traballo que fai medrar á provincia de Lugo, especialmente o rural”.

No acto, celebrado no Salón de Actos do CEI Nodus da capital lucense, tamén estivo presente a Concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo e Deputada provincial, Ana González Abelleira; a presidenta de AELU, Beatriz Varela Regueira; a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella; e a responsable da zona de Lugo de Abanca, Zaira Dapena Castro.

Rivera Capón sinalou que “a Deputación de Lugo apoia a organización destes premios de AELU, froito da liña de diálogo e colaboración fluída e permanente que mantemos co tecido asociativo e profesional da provincia para impulsar o seu labor”. A Deputación colabora con estes recoñecementos cunha achega económica de 3.500€.

“O traballo das mulleres empresarias e emprendedoras é un piar na dinamización económica da provincia, e resulta fundamental poñelo en valor, máis se cabe na actual situación de crise sanitaria”, explicou o Deputado.

As empresarias e emprendedoras lucenses interesadas en participar nos Premios Son Muller poden inscribirse ata o 25 de decembro. As bases e a información sobre o certame atópanse en www.empresariaslugo.org ou no 982.22.69.91. Estes premios están destinados a emprendedoras e empresarias lucenses, que teñan o seu domicilio social e fiscal como empresa na provincia, que estean dadas de alta como autónomas ou sexan parte dunha sociedade empresarial, e que cumpran coas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

A entrega dos premios ás gañadoras terá lugar nun acto previsto para o vindeiro 29 de decembro.