Skip to main content
Folgoso do CourelPedrafita

Aprobada unha nova achega para o ensanche dun tramo da LU-P-1301

Por 18 Decembro, 2021Sin comentarios

Durante a xornada de onte, na Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, aprobouse unha achega de 300.000 euros para as obras de ensanche e mellora dun novo treito da estrada provincial LU-P-1301, que une Pedrafita do Cebreiro con Seoane do Courel.

As actuacións contemplan a ampliación da estrada dende o punto quilométrico 8,6 ao 10,7 pasando dos actuais 4 metros ata os 5,5 metros de ancho. Tamén se farán tarefas de drenaxe, afirmado, pavimentación e sinalización horizontal e vertical. Ademais, vanse colocar balizas de neve, paneis direccionais, fitos quilométricos, carteis e novos tramos de barreira metálica de seguridade.

Tendo en conta que as actuacións se fan na súa totalidade nunha zona que pertence á Rede Natura 2000 dos Ancares, búscase realizar unha actuación cun impacto medioambiental mínimo.

A institución ten a día de hoxe en marcha traballos nun primeiro tramo desta vía cun investimento de 245.000€, e no día de onte aprobou a adxudicación do segundo, e a principios do 2022 licitará o terceiro e último, co cal, cumprindo co compromiso do Presidente, José Tomé Roca, o vindeiro ano estará renovada e ampliada a totalidade desta estrada.