O Concello de Viveiro recibe unha achega para impulsar o turismo no Nadal

AMariñaXa
A Deputación achega 35.000€ euros ao Concello de Viveiro para impulsar o turismo no Nadal e o tradicional Belén
Deputacion Visita ao belen de Viveiro
Deputacion Visita ao belen de Viveiro
5 ene 2022

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou o tradicional Belén Viveiro ante o Berce e as instalacións da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro Aspanane, iniciativas coas que colabora a institución provincial. José Tomé estivo acompañado da Alcaldesa de Viveiro e Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.

A institución provincial colabora co Concello para ofrecer o Belén Viveiro ante o Berce cunha achega de 35.000 euros, que permite a instalación deste recurso que cada ano atrae a numerosos visitantes. Sitúase no entorno da Igrexa de Santa María e fronte ao convento das Dominicas, no centro histórico da cidade do Landro. 

O Concello de Viveiro foi recoñecido por este proxecto na última edición dos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense, promovidos polo Consello Provincial de Turismo, un ente que impulsou e que preside a Deputación de Lugo. 

Ademais desta colaboración económica para impulsar o turismo durante as datas de Nadal, a Deputación achega ao Concello de Viveiro 500.000€ a través do Plan Único deste ano 2022 para desenvolver actuacións municipais. Así mesmo, o Presidente anunciou un investimento de 100.000€ en Viveiro para solucionar os problemas estruturais do paseo marítimo.

ASPANANE

Durante a visita ao municipio mariñán, José Tomé tamén se achegou a coñecer as instalacións de Aspanane. A institución provincial colabora con esta entidade cunha achega de 5.000 euros ao ano para a promoción dun programa de apoio na atención e coidados a persoas con necesidades especiais. 

A través deste acordo, a entidade viveirense conta cun coidador para o Centro de Día, que serve de apoio para a realización das actividades básicas da vida diaria. Aspanane dispón dun Centro Ocupacional e un Centro de Día para persoas con Discapacidade Intelectual.