Skip to main content
Axenda Caducada

Aínda se pode visitar a mostra Estruturas de Fusión de Lois Cid no Pazo de San Marcos

Por 11 Xaneiro, 2022Xaneiro 31st, 2022Sin comentarios

A mostra “Estruturas de fusión” de Lois Cid, permanece na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos ata o vindeiro 31 de xaneiro.

O proxecto deste artista multidisciplinar foi o gañador no Premio Galicia de Fotografía Contemporánea convocado pola Asociación Outono Fotográfico coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

As fotografías, realizadas ás aforas de Amberes, en Bélxica, durante a eclosión do coronavirus nun espazo a carón do río monopolizado polos espazos en construción e as demolicións de edificios son o elemento central da mostra que incorpora tamén, nunha deriva escultórica, materiais e pequenos obxectos que se atopaban entre os restos das obras.

O proxecto de Lois Cid foi seleccionado entre os máis de 120 que se presentaron a convocatoria, chegados de máis de 20 países.

A exposición, comisariada por Vitor Neves, poderá verse no Pazo de San Marcos ata o vindeiro 31 de xaneiro. De luns a venres, de 10.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas; sábado, de 10.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas; e domingo e festivos, de 11.00 a 14.00 horas. Despois, comezará unha itinerancia por cidades galegas e portuguesas.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que se ven organizando desde 2013, ten como obxectivo principal promover este tipo de fotografía e salientar as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea.

SINOPSE
Baixo o proxecto Estruturas de fusión o autor entende o espazo en construción como un xacemento arqueolóxico. Nel analiza os residuos que quedan despois do levantamento dun edificio e relaciónaos cos entullos xerados polo derrube de antigas construcións. O proceso de construción e colapso vólvese unha mesma entidade, moitas veces difícil de diferenciar.

A vida útil dunha edificación baseada en estruturas de formigón é moi inferior a unha realizada en pedra. O proceso de deterioramento é case inminente o seu levantamento. Isto causa un derrubamento prematuro comparado coas edificacións tradicionais de materiais non pre procesados. Baixo este contexto o autor interésase por conceptos ligados á temporalidade, inestabilidade e disfuncionalidade, que potencia cos obxectos e imaxes que conforman este proxecto.

Os restos producidos polo acto de construción moitas veces son procesados para volver ser empregados no mesmo contexto. Desta maneira entende as ruínas contemporáneas como unha masa sedimentaria en constante transformación, que pertence a un presente perpetuo.