O PSOE pedirá á Xunta resolver o déficit na atención dos maiores nas residencias

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O PSdeG, a través dunha moción na Deputación de Lugo, pide ao Goberno galego que cumpra coa ratio recomendada pola OMS.
maiores servicio de axuda no fogar1
maiores servicio de axuda no fogar1
23 ene 2022

O PSdeG, a través dunha moción na Deputación de Lugo, pide ao Goberno galego que cumpra coa ratio recomendada pola Organización Mundial da Saúde de 5 prazas de residencia por cada 100 persoas maiores de 65 anos.

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no Pleno ordinario do vindeiro martes unha moción na que reclama á Xunta que desenvolva unha rede de residencias públicas que resolva o actual déficit de máis de 14.000 prazas neste tipo de centros que existe en Galicia, e que cumpra deste xeito coa ratio recomendada pola Organización Mundial da Saúde de 5 prazas de residencia por cada 100 persoas maiores de 65 anos.

Na proposta, o PSdeG solicita ao Goberno galego “que asuma as súas obrigas competenciaIs e, cando menos, financie a rede de residencias públicas da Deputación de Lugo”, ademais de “mellorar o desenvolvemento do sistema de servizos sociais para garantir que os dereitos dos cidadáns se convertan nunha cobertura real das necesidades”.

Os socialistas presentan esta iniciativa despois de que a Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais publicase un informe no que constata que Galicia ten un déficit de 14.331 prazas en residencias, segundo a ratio de 5 prazas por cada persoa de máis de 65 anos que recomenda a OMS.

Segundo os datos da asociación, Galicia é a terceira CCAA cun maior déficit en prazas de residencias públicas, ocupando o posto número 13 no desenvolvemento do sistema de Servizos Sociais, cunha valoración de 4,5 no índice DEC que mide a relación entre os dereitos e o esforzo económico e de xestión que se realiza para garantir a cobertura real das necesidades das persoas. De acordo cos profesionais, no ano 2020, o esforzo da Xunta estancouse ou mesmo retrocedeu –a pesar da pandemia– e a valoración que merece o sistema galego é “débil”. Como ben di a Asociación, córrese o risco de que os dereitos recollidos na lexislación sobre dependencia se convertan en “dereitos de papel”, sen cobertura real garantida.

O PSdeG afirma que a mellor proba “da inacción da Xunta” apórtana as cifras de prazas de residencia dispoñibles ó longo dos anos do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. No ano 2010, Galicia contaba con 20.432 prazas de residencia dispoñibles. En 2020, o número baixara a 20.371. Na década 2010/2019, en España aumentaron nun 5,5% as prazas en residencias de maiores, mentres que en Galicia caeron case un 3%.

Os socialistas advirten que os datos tamén indican que “Galicia é a terceira en tamaño medio de residencias, con 103 prazas, o que amosa a aposta por un modelo masificado, centrado na procura do beneficio económico das empresas do sector privado promovido polo PP, e que non garante nin a digna atención dos maiores nin as adecuadas condicións laborais dos traballadores”.

A Deputación de Lugo abriu 7 residencias

Mentres a Xunta de Galicia non abriu nin unha soa residencia pública nos 12 anos de Goberno de Feijóo, o PSdeG lembra que a Deputación de Lugo, con 125 menos orzamento que a Administración autonómica e sen ter as competencias nesta materia, abriu 7 centros públicos de atención a maiores, “sen recibir nin euro da Xunta, nin para a construción nin para o funcionamento”.