A ponte do tren de Eijo Garay de Burela lucirá unha obra con cerámica serigrafiada

AMariñaXa
A ponte do tren de Eijo Garay de Burela lucirá unha obra con cerámica. Será ideada polo Concello, artistas locais e da Fundación Eu Son
Burela ponte eijo garay
Burela ponte eijo garay
18 feb 2022

Dende o Concello burelés anunciaron que vaise embelecer a ponte do tren de Eijo Garay cunha obra de arte realizada con cerámica serigrafiada, que será ideada polo Concello coa axuda de artistas locais e da Fundación Eu Son. 

O edil de Cultura, José Díaz, explicou que “estes días estivo a arranxarse a ponte do tren sobre a rúa Eijo Garay, sobre todo reparando humidades porque estaba bastante deteriorado e afeaba moito o aspecto da zona centro de Burela. Temos en mente facer unha pequena obra de arte aí xa que, despois deste proceso de reparación en grao sumo grave, a idea que temos é poñer nesta ponte cerámica serigrafiada con algunha obra de arte que idearemos desde o Concello coa axuda de artistas locais e da fundación Eu Son, que ten agora a capacidade de facer este tipo de cousas, serigrafiado de distintos motivos en cerámica, para despois colocalo na ponte”.

José Díaz dixo que “a idea creo que é boa porque serve para darlle un pouco máis de toque artístico ao pobo. Xa temos Amarte, no muro do porto, e a ponte, que serve de vía de comunicación entre o pobo de Burela e o porto e a zona de Amarte, é un bo escaparate para facer este percorrido artístico, que oxalá que podamos facer en máis zonas, como vimos tentando desde 2017, cando foi a primeira edición de Amarte”.

O concelleiro de Cultura engadiu que “aínda levará algún tempo, pero imos ir traballando sobre os deseños posibles. Na ponte hai varias paredes que poden ser obxecto de decoración con cerámica e aí podemos poñer diferentes motivos que rememoren Burela en todos os seus aspectos: sociais, culturais e de todo tipo. É un lugar moi visible porque se imos á zona centro de Burela temos que subir ou baixar por baixo desa ponte”.

Díaz sinalou que “este é o proxecto que hai, pensamos que pode quedar ben, que o efecto final pode ser bo e esperemos que sexa do gusto de todos os veciños”.