O Vencello de Burela reitera o seu malestar pola parálise que sufre o municipio

AMariñaXa
A Asociación de Veciños O Vencello de Burela vén de escribirlle unha carta ao alcalde para reiterarlle o seu profundo malestar
Casa_concello_Burela
Casa_concello_Burela
20 feb 2022

A Asociación de Veciños O Vencello de Burela vén de escribirlle unha carta ao alcalde para reiterarlle o seu profundo malestar e da veciñanza pola parálise que está a sufrir o municipio debido "en gran medida á súa ineptitude para abordar os problemas de Burela".

"Poderiamos enumerarlle unha infinidade de temas que demostran que o único que vostede fai é propaganda. Sistematicamente escoitámoslle dicir que vai facer isto e que vai facer o outro, pero desgraciadamente case nunca vemos que eses titulares cos que nos agasalla se fagan realidade", dia súa presidenta Brixida Pino.

"A súa inoperancia á hora de abordar problemas concretos é máis que coñecida para a gran maioría dos que vivimos neste concello. Por iso, permítanos centrarnos nun dos tantos temas que ten pendente e que ao noso modesto entender, traspasa a legalidade: Referímonos ao estado do ascensor do edificio da antiga praza de abastos, no que se atopan diferentes locais de asociacións, administracións e tamén o Xulgado de Paz", di a presidenta do colectivo.

Segundo Pino, o ascensor está fóra de servizo e as súas portas están tapiadas con mobiliario e outros enseres o que impide o paso a a persoas con mobilidade reducida.

Hai aproximadamente un ano nunha xuntanza mantida entre Concello e asociación informouse de que se ía amañar esta situación. "Pero gustaríanos que dunha vez por todas fora concreto e nos dixera cando pensan amañalo?", di Pino.

"Desgraciadamente, este tema do ascensor é só a punta dun gran iceberg. Temas dos que non sabemos nada coma a anunciada modificación do PXOM; nin da solución que pensa darlle ao problema que levamos arrastrando neste concello co cemiterio da Puída; nin que é o que vai pasar coas obras das instalacións deportivas da Marosa; e por suposto outro tema recorrente que parece non ter fin coma é a urbanización de Torrentes", engadiu a asociación.

Tampouco sabemos que é o que ten feito diante a delegación de Carreteras do Estado sobre a nosa reivindicación de instalar carteis de sinalización quilométrica de Burela nas estradas nacionais, nin si fixo algunha xestión de cara a coñecer con antelación o trazado da futura autovía ao seu paso polo municipio; nin tampouco si pensa facer algo para solucionar o tema provocado polas gaivotas (que outros concellos si teñen feito).

O Vencello segue sen saber cando se vai renovar o convenio da ruta circular de sendeirismo municipal, que rematou hai dous anos; nin sabe sobre o regulamente para o mercado municipal, ou do tránsito de vehículos pesados con madeira polo centro do pobo.

Por todo isto, o colectivo esíxelle ao alcalde de Burela que exerza o seu cargo "para traballar dunha vez por todas en solucionar os problemas cotiáns, concretos e importantes do noso municipio".