Dan comezo as obras de renovación da Pista Polideportiva da Compañía en Monforte

RibeiraSacraXa
Hoy 24 de febrero empiezan las obras de renovación de la pista Polideportiva de la Compañía en Monforte de Lemos.
Pista polideportiva da Compañía
Pista polideportiva da Compañía
24 feb 2022

Hoxe xoves, 24 de febreiro dan comeza as actuacións de mellora que o Concello vai acometer na Pista Polideportiva da Compañía, e que forman parte do programa do Equipo de Goberno para a mellora de instalacións e infraestruturas municipais, neste caso, do eido deportivo.

José Tomé Roca destaca que “esta nova actuación suporá a renovación do pavimento de céspede artificial e a mellora da malla metálica desta instalación deportiva municipal, que é moi utilizada por atoparse nunha zona moi céntrica da cidade, e que permanecerá pechada ós usuarios dende mañá, co inicio das obras planificadas”.

Esta obra de mellora foi adxudicada á empresa Calfensa SL, e conta cun orzamento de 48.279 euros, provintes de fondos municipais. O prazo de execución das obras estímase en arredor de 3 semanas.

“Con esta actuación, completamos as accións de mellora que dende o Concello levamos a cabo na zona da Compañía, e que significaron a construción dunha pista de Skate (64.737,42 euros), a consecución dun novo Parque Infantil (145.164,91 euros) e a mellora da fonte cibernética da praza da Compañía (51.532,33 euros), polo que o investimento total que destinamos para mellorar a que é unha das zonas de esparcemento e lecer máis utilizadas da cidade, alcanza os 309.713,66 euros”, subliñou o alcalde.

RENOVACIÓN DA PISTA
A Pista Polideportiva obxecto desta mellora atópase dentro do parque da Compañía, que se localiza na zona centro do casco urbano de Monforte.

A actuación ideada polo Concello consiste na renovación desta pista polideportiva ó aire libre, consistente na reparación e corrección de baches de soleira de formigón, na renovación do seu pavimento de céspede artificial e renovación e mellora de malla metálica.

A obra iniciarase coa retirada do actual pavimento de céspede artificial, co seu recheo de area, deixando ó descuberto a actual soleira de formigón sobre a que se apoia. Continuará coa homoxeneización da superficie da soleira, por medio da aplicación de leitada bituminosa “Slurry” nas zonas que presentan irregularidades. Acabado o anterior, colocarase un novo pavimento de céspede artificial, sobre soporte de polipropileno e lastrado de area, co marcado das liñas de xogo.

Ademais, nas proteccións metálicas de detrás das porterías renovarase a actual malla metálica e mellorarase o estado dos tubos de suxeición desta, por medio do lixado e pintado dos mesmos.