Volve o Entroido a Guitiriz e o reto de encher a vila de mecos

TerraChaXa
O desfile de Entroido será o martes 1 de marzo e sairá ás 17 horas desde a Ponteveiga para chegar ao Campo da Feira.
entroido guitiriz cartaz
entroido guitiriz cartaz
18 feb 2022

O desfile será o martes 1 de marzo e sairá ás 17 horas desde a Ponteveiga para chegar ao Campo da Feira.

Tralo parón motivado pola pandemia o Antroido volve a Guitiriz o martes 1 de marzo da man da Asociación Xermolos, en colaboración co Concello,  co tradicional desfile, unha festa no Campo da Feira e un novidoso reto para encher a vila de mecos.

O desfile comezará ás 17 horas, con saída desde a Ponteveiga e chegada ao Campo da Feira, onde haberá unha gran festa que, se fai mal tempo, trasladarase ao pavillón municipal.

Os premios serán os seguintes: 100 euros e unha cesta de produtos típicos para a mellor comparsa; 60 euros e cesta de produtos típicos para as comparsas con máis orixinalidade, traballo, humor e música; un primeiro premio de 30 euros e agasallo para a mellor máscara individual ou por parellas e un agasallo para a segunda mellor; e 5 premios sorpresa ás mellores máscaras e comparsas infantís.

Ademais, desde a organización propoñen un reto: encher o pobo de mecos. Para participar, hai que subir unha foto do meco ás redes sociais co #MECOXERMOLOS22. Non é necesario ser o creador, o anonimato estará garantido. O gañador, que o decidirá o xurado, non é unha persoa, é o meco, que será indultado e o resto serán retirados para queimalos no desfile do martes de Entroido.