Rematan as obras na vía de acceso ao colexio de Román

TerraChaXa
A Xunta achegou 88.500 euros co Plan Marco para mellorar o tramo entre o colexio de Román e a estrada provincial
Tramo acceso colexio RomAn PORTADA
Tramo acceso colexio RomAn PORTADA
16 feb 2022

A voceira do Grupo Municipal Popular de Vilalba, Sandra Vázquez, destaca “o apoio da Xunta para facer posible o arranxo do tramo entre o colexio de Román e a LU-P-6504, entre as parroquias de Román e Árbol”. A Xunta achegou 88.500 euros a través do Plan Marco 2021-2022 dirixido á mellora de pistas municipais de acceso a parcelas agrícolas.

“As pistas municipais atópanse en mal estado, pero o goberno local non ten interese en poñer solución a un atranco que viven a diario os veciños das parroquias ao ter que circular por pistas cheas de baches”. Así o manifesta Vázquez lembrando que “o goberno local do PSOE rexeitou no último pleno a proposta do Grupo Municipal Popular para reparar e manter as deterioradas pistas”.

A popular sinala que “tamén as estradas que dependen da Deputación presentan un importante deterioro, o que supón riscos para os usuarios”. Recentemente, os populares  comprobaron o seu estado ao seu paso polo termo municipal vilalbés nunha visita na que o Grupo Provincial avanzou que reclamarán ao Goberno que preside Tomé o arranxo da LU-P 6504, que pasa pola parroquia de Carballido.

Vázquez incide en que “mentres a Xunta inviste no noso concello, a Deputación non atende ás vías da súa titularidade en Vilalba coa complicidade do goberno local do mesmo partido que o que aspira a liderar Tomé, o presidente da Deputación e máximo responsable das estradas provinciais”.

A popular esixe, polo tanto, ao goberno local “solicitar en tempo e forma as axudas da Xunta do Plan Marco 2022-2023 para facer posible novas melloras en pistas do noso rural” e tamén “a facer as necesarias xestións ante a Deputación para esixir o arranxo das vías provinciais en mal estado”.

A alcaldesa non acudiu á visita do delegado da Xunta

Vázquez explica que “a alcaldesa foi convidada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, pero non acudiu á visita realizada ao tramo da estrada arranxado en Román”. A popular cre que “parece que lle molesta ou non quere que a Xunta invista en Vilalba”.