Skip to main content
Axenda Caducada

O CIN de Bretoña centra un dos encontros monográficos do Consello da Cultura

Por 9 Marzo, 2022Marzo 11th, 2022Sin comentarios

O Centro de Interpretación de Bretoña acolle este venres un dos Encontro Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza o Concello da Cultura Galega.

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural son unha iniciativa da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que comezou en novembro de 2015. Teñen como obxectivo xerar un espazo de difusión, debate, encontro e coñecemento arredor de diferentes proxectos que afectan ao patrimonio cultural, en xeral, e que non sempre chegan a un público amplo por diferentes motivos. Os encontros acollen a calquera persoa que se queira achegar a este espazo, ben sexa un profesional da xestión do patrimonio ou da cultura, unha investigadora ou investigador ou ben calquera axente social que teña interese polo patrimonio e polo debate arredor del. Os protagonistas dos encontros son, así, o elemento patrimonial, o debate e a reflexión.

Os encontros focalizáronse até o de agora en proxectos de arqueoloxía, rehabilitación, arquitectura, historia da arte ou mesmo en enfoques interdisciplinarios, pero tamén na xestión patrimonial, na divulgación do patrimonio, na participación cidadá e incluso no conflito patrimonial; en patrimonios esquecidos e vivos, materiais e inmateriais, amigables ou conflitivos; nas políticas patrimoniais, nos encontros e des-encontros. En 2018 puxemos en marcha o programa in situ, que traslada a difusión e reflexión ao contexto xeográfico e social dos bens en que se focaliza cada encontro, analizando in situ as realidades patrimoniais.

“Neste 2022 focalizamos a mirada no CIN Bretoña, un centro de interpretación que conta cunha exposición centrada na arqueoloxía, historia e etnografía do concello, pero que pon a mirada tamén no patrimonio natural, a través dunha serie de rutas polos arredores, así como nos protagonistas que construíron a historia de Bretoña. A través deste proxecto, queremos traer a debate o papel dos centros de interpretación en Galicia na formación e educación patrimonial da cidadanía, sobre todo nos espazos rurais, analizando que papel desempeñan, cal é o seu funcionamento, cal a conexión coas poboacións locais, ou que tipo de xestión se fai neles, para rematar nunha ollada más ampla desde unha mirada crítica e interdisciplinaria á infraestrutura dos centros de interpretación existentes en Galicia e as novas tendencias. Para iso, teremos como marco a recente Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia”, explican dende a organización.

Esta sesión iniciarase pola mañá cunha visita ao centro para continuar ás 16.30 horas coas ponencias nas que estarán Roque Lazcano Vázquez, xestor do CIN, o arqueólogo Francisco Alonso Toucido e o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias na primeira quenda.

Finalizará a sesión cunha mesa redonda co título A rede de centros de interpretación de Galicia a debate. O seu papel como centros de educación e formación.

A inscrición é gratuíta pero o número de prazas é limitado polo que cubriranse por rigorosa orde de inscrición.