A Asociación de veciños da Milagrosa celebra o seu 30 aniversario este venres 1 de abril

LugoXa
La Asociación de Vecinos de la Milagrosa de Lugo celebra su 30 aniversario con una cena este viernes 1 de abril.
praza milagrosa lugo
praza milagrosa lugo
31 mar 2022

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa de Lugo está de celebración; xa que cumpre 30 anos desde a súa creación. En concreto, cumpriunos o pasado ano 2021, e con tal motivo celebrou a “Pegada Veciñal” na que diversas personalidades que deixaran pegada neste barrio lucense, plasmárona tamén fisicamente para a posteridade, nun acto no que tamén se presentou a Exposición “30 Anos facendo Barrio”, de percorrido dos fitos máis destacados das últimas 3 décadas, denominado “O Barrio Senlleiro” da Milagrosa.

Con motivo da pandemia por Covid19, non foi posible, nese momento, celebrar cea homenaxe que, finalmente terá lugar este próximo venres, 1 de abril de 2022, ás 21.00 horas no Restaurante “Manuel Manuel” -situado na rúa Monte Faro, 19 de Lugo-.

Dita cea terá carácter festivo, pero tamén de homenaxe aos socios e colaboradores desta entidade, desde o seu inicio ata o momento actual. Haberá un momento destacado, tamén, de recordo a quen, ao longo destas 3 décadas, xa non están fisicamente entre nós, pero si a súa memoria e legado.

No transcurso da mesma, farase un percorrido polas principais iniciativas desta Asociación, que sempre se caracterizou pola súa actividade a pé de rúa e en favor da veciñanza, “a quen debe a súa razón de ser”, en palabras do propio Presidente, D. Jesús Vázquez Varela.

Ditas iniciativas son, desde a “Operación Quilo” e “Operación Xoguete” -ambas, de carácter solidario-, a “Feira de produtos do campo e artesanía de San Isidro” -con carácter internacional-, a “Gala do Deporte da Milagrosa” e, por suposto, a súa data grande, a gala “ Milagrosistas do Ano”.

Acompañarán este percorrido, unha selección de cancións emblemáticas na historia desta Asociación; que tamén contará coa presenza física de representantes institucionais do Concello de Lugo, a Deputación Provincial lucense, a Xunta de Galicia e o Goberno de España.