Alumnos de Casás visitan a Praza de Abastos de Lugo

LugoXa
O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, recibiu nas instalacións da Praza de Abastos, ao alumnado de 5º de Primaria de Casás
31 may 2022

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto aos ediles responsables das áreas de Educación e Participación, Felipe Rivas e Cristina López, recibiron na Praza de Abastos a un grupo de alumnos de 5º de Primaria do colexio Casás.

Unha visita que inicia a actividade de Almorzos Saudables que a área de Participación puxo en marcha co obxectivo de que o alumnado coñeza a importancia “da alimentación e, ao mesmo tempo, visiten a praza de Abastos e coñezan os productos de primeira calidade que se comercializan nestas instalacións”.

A área de Participación conta coa colaboración da asociación Cociñeiros Lugo para estas actividades, encargándose de realizar os almorzos saudables e de ensinar a Praza de Abastos e o Mercado Municipal ás nenas e nenos.

As nenas e nenos realizaron unha visita guiada á praza, onde coñeceron da man dos chefs os distintos productos e a importancia do comercio de proximidade e dos productos ecolóxicos e de KM0. A xornada rematou cun almorzo saudable, elaborado polos distintos chefs presentes, e nos que se afonda na importancia da alimentación saudable.

“Continuamos a traballar para dinamizar a praza con este tipo de actividades, que permiten que as nenas e nenos coñezan as instalacións e os distintos postos”, afirmou Cristina López.