Aberto o prazo de inscrición no Aprende Xogando do Concello de Lugo

LugoXa
O Concello de Lugo abriu hoxe o prazo de inscrición para as actividades infantís estivais do Aprende Xogando.
1 jun 2022

A Concellería de Muller e Igualdade abre hoxe o prazo de inscrición do programa Aprende Xogando para as vacacións de verán. Este programa desenvolverase a última semana de xuño e durante as mañás e ás tardes de xullo, agosto e setembro.

Neste trimestre, a diferencia dos anteriores, admítese a solicitude por meses independentes, en lugar do trimestre completo, co fin de adaptarse ás vacacións estivais dos pais e das nais.

O Aprende Xogando está dirixido a 120 nenas e nenos empadroadas/os no Concello de Lugo cunha idade comprendida entre os 3 e os 12 anos.

As actividades levaranse a cabo en horario de mañá, de 09:00 a 14:00 horas e, en quenda de tarde, das 16:00 ás 20:30 horas, nos centros de convivencia Maruja Mallo, Milagrosa (con 30 prazas en cada un) e Uxío Novoneyra (20 prazas) e na Casa da Música (40 prazas) alén de reservarse cinco prazas máis para posibles urxencias por circunstancias especiais ou de emerxencia social.

Tanto as bases como a instancia para realizar a inscrición poden descargarse a través da páxina do Concello de Lugo. As inscricións realizaranse de xeito telemático polos proxenitores dos menores, no e-mail aprendexogando@lugo.gal sinalando nome, apelidos do menor e nome, apelidos e D.N.I. do proxenitor solicitante, aportando anexo normalizado para a solicitude e a documentación requirida. O prazo manterase aberto ata o próximo luns, 6 de xuño.