30.000 plantas en flor ornamentan, dende hoxe, as rúas de Lugo

LugoXa
O Concello de Lugo ornamenta as prazas e rúas do centro e dos barrios de Lugo con máis de 30.000 plantas en flor de 18 variedades distintas.
Flores Miguel Fernández Lara Méndez
Flores Miguel Fernández Lara Méndez
2 jun 2022

Máis de 30.000 plantas en flor ornamentan, dende hoxe, as zonas verdes da cidade de Lugo. Unha acción da Concellería de Medio Ambiente, a cargo de Miguel Fernández, que estenderá esta campaña primaveral a un total de 26 localizacións.

18 variedades vexetais, entre as que destacan begonias, petunias, dahlias ou celosías, tinguirán de cor ademais dos xardíns da capital outros espazos públicos como prazas e rúas.

Os traballos, que teñen un tempo moi limitado para poder executarse debido aos condicionantes que impón a plantación, comezaron esta semana no Centro Histórico pero tamén nos barrios como pode ser o da Piringalla ata onde se achegaron a rexedora, Lara Méndez e o edil para comprobar como se están desenvolvendo.

Méndez explicou que “neste 2022 no que volvemos a saír as rúas xa sen restricións sanitarias e sen imitacións temporais, quixemos ser máis ambiciosos e ampliar a decoración floral e paisaxística daqueles puntos da capital que contan con espazos de esparexemento ou zonas comúns ás que a pandemia outorgou un valor engadido como lugares de socialización”, referiu a rexedora lucense.

Así, a renovación da decoración vexetal chegará por primeira vez ás prazas de Bretaña, Milagrosa, San Xoan, Agro do Rolo, Manuel María - Túnel do Oural e Fonte dos Ranchos; aos xardíns de San Roque, ás avenidas de Madrid e de Adolfo Suárez, á Ponte de Paradai, á Rolda Xosé Castiñeira e ás medianas da rúa Illa de Man.