Lugo estrea un novo vieiro escolar para os alumnos do colexio Franciscanos

LugoXa
O Goberno de Lugo habilitou un punto de 'bica e baixa' para que as familias poidan deixar aos nenos nun punto de partida seguro
vieiros escolares franciscanos
vieiros escolares franciscanos
3 jun 2022

O Concello de Lugo continúa a apostar polas rutas a pé para ir ás escolas. Faino abrindo novos vieiros escolares seguros, esta vez para os alumnos do Colexio Franciscanos.

O tenente alcalde da localidade, Rubén Arroxo, e o edil de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, asistiron esta mañá ao comezo deste roteiro seguro ata o  colexio da praza Maior.

“Desde o Goberno de Lugo colaboramos coa iniciativa posta en marcha polo centro, avanzando no obxectivo de implantar vieiros escolares en todos os centros de ensino da cidade e fomentando hábitos saudables nas nenas e nenos”, explicou Felipe Rivas.

O Goberno de Lugo habilitou un punto de bica e baixa, no que as familias poden deter o seu coche para deixar ao alumnado na rúa Salvador de Madariaga sen crear conxestións de tráfico. A Praza de Bretaña, xunto coa rúa Quiroga Ballesteros son os dous puntos de partida escollidos polo centro para crear as rutas escolares seguras.

Os vieiros escolares están a funcionar tamén no colexio de Albeiros, neste caso xestionados pola concellería de Educación. Felipe Rivas afirmou que “os vieiros están xa asentados neste centro, con máis de 40 nenas e nenos que diariamente fan o percorrido a pé desde os dous puntos de partida habilitados”.

A posta en marcha dos vieiros escolares implica tamén "un cambio nas tendencias da mobilidade, reducíndose o uso do vehículo privado", explicou Felipe Rivas, que afirmou, "en todas as cidades nas que se promoveron, vimos como se eliminaron os problemas de tráfico nas entradas e saídas dos centros de ensino que actualmente podemos ver en Lugo".