O circo romano volve a Lugo, grazas á Deputación

LugoXa
Deputación e Concello de Lugo convenian para que a institución provincial financie o circo romano como parte do programa do Arde Lucus.
Colaboracion Deputacion concello de lugo
Colaboracion Deputacion concello de lugo
3 jun 2022

A Deputación de Lugo achegará 28.000 euros para a celebración do circo romano no Arde Lucus. Así o asinaron hoxe o presidente do Executivo Provincial, José Tomé, coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez mediante un convenio de colaboración.

José Tomé destacou que a Deputación mantén “o compromiso de colaboración con esta celebración, que este ano recupera todo o seu esplendor, e polo tanto tamén, toda a súa capacidade como revulsivo económico para a cidade e a provincia”.

“Son moitas as persoas que durante estes días se achegan a Lugo para celebrar esta recreación histórica, que supón unha promoción de primeira orde”, indicou o mandatario provincial.

A institución provincial aposta por actividades que poñen en valor a cultura e o patrimonio e que dinamizan a economía como é o Arde Lucus, “unha cita que sen dúbida volverá encher as rúas de xente e dará boa mostra de que é unha aposta turística segura e con moito futuro na nosa provincia”, indicou o Presidente.

Pola súa banda, a rexedora lembrou que “dende o Concello e da man das asociacións de recreación histórica estamos a traballar para acadar o distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional, que contribúa a potenciar aínda máis o atractivo turístico da cita e conseguir que cada ano sexan máis as persoas que se animen a visitarnos para coñecer o noso pasado romano-castrexo”.