Balance positivo do Mercado Renacentista de Viveiro e do Ribadeo Indiano

AMariñaXa
Balance positivo do Mercado Renacentista de Viveiro e do Ribadeo Indiano trala boa fin de semana e acollida que tiveron
Mercado Renacentista de Viveiro
Mercado Renacentista de Viveiro
12 jul 2022

O Concello de Viveiro realiza un balance moi positivo do XIII Mercado Renacentista, que se celebrou na localidade dende o pasado xoves e rematou onte, domingo 10 de xullo. A cita recuperouse tras dous anos de parón provocados pola pandemia, pero cunha ampla participación tanto por parte da cidadanía viveirense como dos visitantes nos catro días de celebración. 

“O Mercado Renacentista supón, tras o Resurrection Fest, un importante impulso para a economía de Viveiro, Esta 13ª edición mostra de novo unha cita consolidada, como un referente de ocio e turismo”, recalca a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.  

Esta 13ª edición do mercado contou cun amplo programa de actividades e espectáculos con opcións para distintas idades, alén dos tradicionais postos do mercado. A cita estivo marcada polo desembarco de Carlos V, celebrado o pasado venres, e que supón un dos puntos diferenciadores desta festa de recreación histórica.  

Dende o Concello de Viveiro agradécese a participación de todas as persoas que se achegaron á celebración, na súa maioría con traxes de época. Tamén traslada o seu agradecemento a todas as persoas e entidades involucradas na organización desta cita, cuxo esforzo permitiu un exitoso XIII Mercado Renancentista.  

Por outra banda o Concello de Ribadeo tamén valorou moi positivivamente o VII Ribadeo Indiano. O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, “o venres pola tarde en diferentes puntos da vila e tamén pola noite no parque notábase a gran afluencia e o gran ambiente, e o sábado practicamente en calquera rúa ou praza de Ribadeo había xente, había ambiente, había animación. Por suposto  tamén o domingo, que normalmente era un día máis frouxo, pero a afluencia foi máis que notable. A ocupación hostaleira rozou case o 100% durante estes días do Ribadeo Indiano e a actividade da hostalería, dos establecementos, do comercio foi moi elevada, así que evidentemente o balance ten que ser totalmente positivo. Estamos moi satisfeitos da organización e da repercusión que este evento ten para Ribadeo”. 

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, comentou que “dende Acisa, tras unha pequena consulta que fixemos, porque non tivemos tempo a máis, podemos falar de que o Ribadeo Indiano 2022 foi o éxito máis grande ata o momento, e que estamos ata incluso asombrados da repercusión lograda. Podemos xa falar de algo máis de 3 millóns e medio de euros de ingresos nos tres días, de persoas que estiveron na actuación si podemos falar de arredor de 15.000. Estamos moi contentos, porque os hoteis rozaron o 100%, a hostalería incluso varios restaurantes chegaron a non cerrar servizos en todo o día, non había sitio para nada, realmente non había sitio para ter máis xente, teremos que buscarnos a vida en próximas ocasións, haber que podemos facer para dar mellores servizos”.