Skip to main content
Axenda TERRACHÁXAVilalba

Manu Chao ofrecerá o seu primeiro concerto en Vilalba durante as festas

Por 26 Xullo, 2022Sin comentarios

O Concello de Vilalba desvela outro dos pratos fortes das festas patronais coa presenza do artista de orixe vilalbés Manu Chao, que dará por primeira vez na historia un concerto en Vilalba no marco das festas de San Ramón e Santa María 2022, que volven por todo o alto despois de dous anos de pandemia.

O músico, fillo do escritor vilalbés Ramón Chao, actuará o día 2 de setembro ás 22:30 horas na praza de Santa María cun formato acústico. Un fito importante no eido cultural de Vilalba, que recibirá por vez primeira a música en directo deste artista con longa traxectoria e éxito internacional.

Dentro da xira que comezou este 2022 despois de oito anos sen ofrecer concertos en terras galegas, Manu Chao recalará en Vilalba, o lugar dos veráns da súa infancia, non só para visitar a amizades e familia, senón tamén para presentar na terra natal de seu pai un proxecto acústico con temas novos e de sempre, sen perder de vista a ledicia, a loita e o compromiso que caracteriza a súa música.

Neste formato máis íntimo e persoal subirá ao escenario con Lucky Salvadori á guitarra e Miguel Rumbao na percusión.

Debido ao formato da súa xira, o aforo estará limitado a 2.000 persoas na praza de Santa María, polo que o Concello informou de que sacará nas próximas semanas entradas gratuítas e que se repartirán na Casa da Cultura de forma presencial para dar prioridade a vilalbesas e vilalbeses. Darase información concreta de días e horarios con suficiente antelación.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, amosouse “ilusionada e satisfeita con este concerto” destacando “o agarimo que Manu Chao demostrou sempre por Vilalba, polo que non podíamos facer outra cousa que convidalo a vir e tratar de chegar a un acordo para ofrecer á sociedade vilalbesa un concerto tan especial e unha oportunidade única de desfrutar da súa música en directo”. A rexedora agradeceu ao músico e ao seu equipo “a boa vontade para conseguir que todo o éxito e a carreira musical de Manu Chao sea devolta en forma de concerto ao pobo no que garda as súas raíces e que observou o seu crecemento profesional e persoal, cun compromiso social envexable que o convertiu nun referente en moitos aspectos”.

Desde o Concello de Vilalba confirmaron a actuación das Tanxugueiras para o 30 de agosto, e agora este concerto de Manu Chao o 2 de setembro, así como a recuperación da Xira Campestre ou o pregón a cargo de Benita Martínez, anunciando que irán desvelando todo o programa das festas nos vindeiros días.