Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Licitado o proxecto para construír as piscinas e o centro BTT en Outeiro de Rei

Por 14 Agosto, 2022Sin comentarios

A intervención incluirá a adecuación da parcela e a correspondente urbanización así como a construción das novas edificacións previstas e dos servizos complementarios.

Licitado o proxecto para a construción de dúas piscinas públicas e un centro BTT para bicicletas de montaña, cun investimento total previsto de máis de 1,1 millóns de euros, do cal o 70% será achegado polo departamento galego e o 30% restante polo Goberno municipal. O obxectivo da intervención é dotar ao municipio lucense dunha nova área deportiva e recreativa que terá como elemento principal o complexo acuático e os servizos complementarios asociados.

O ámbito de intervención correspóndese cunha parcela que ten unha superficie aproximada de 2.688 metros cadrados, localizada en Santa Isabel, preto da área recreativa do mesmo nome ao carón do Miño. O primeiro paso será a adecuación dos terreos nos que se proxecta o complexo, para de seguido acometer a construción das instalacións previstas e a urbanización do entorno.

A instalación central serán as dúas piscinas municipais ao aire libre, unha delas de uso infantil e a outra para adultos, que contarán con zonas destinadas a usos complementarios así como para aseos e vestiarios de uso público e área de enfermería.

A tal fin, o proxecto inclúe a construción dunha edificación que albergue, ademais das instalacións necesarias para dar servizo ás piscinas, estancias aptas para outras actividades. En concreto, unha cafetería con espazo para almacén, cociña e baños propios; e un centro BTT cunha zona taller para reparación das bicicletas, unha área exterior de lavado e aseos de uso exclusivo e independente para os seus usuarios.

Esta actuación enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de espazos e infraestruturas de uso público e colectivo.