Descarrila o tren Alvia 622 que cubría o traxecto Barcelona-Vigo por un desprendemento

RibeiraSacraXa
Descarrila o tren Alvia 622 que cubría o traxecto Barcelona-Vigo por un desprendemento de pedras nas vías, preto de Santa Andrea
renfe tren
renfe tren
27 ago 2022

Arredor das 21.00 horas producíase o incidente no convoi de Renfe que cubría o traxecto Barcelona-Vigo e deixaba abraiados tanto aos pasaxeiros coma os propios traballadores.

O tren, que xa levaba un retraso duns 40 minutos dende que saíra da estación de Sants (Barcelona), descarrilou debido ao desprendemento de pedras que se produciu despois de pasar o tramo das Covas, preto de Santa Andrea. Tal e como afirman membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipais de Quiroga.

O pasaxeiro Luis De Capua García que viaxaba con destino Lugo, refire que “o maquinista comentounos que ía ver se podía retirar as pedras das vías para así poder continuar o camiño pero arredor das 21.15 horas informounos de que o golpe afectara ao eixo das rodas e que tardarían dúas horas aproximadamente en arranxalo”.

Efectivamente, a iso das 22.00 horas o maquinista informaba aos pasaxeiros de que a limpeza das vías podía levar horas e dado que se  atopaban nun lugar inaccesible, foron moitos os viaxeiros que comezaron a perder a paciencia.

“Cando nos mandaron abandonar o vagón, arredor das 00.00 horas, había moita xente maior con dificultades e moitos deles tiveron que deixar a súa equipaxe no tren por non poder trasladala”, declara Luis De Capua.

“O certo é que Protección Civil axudounos bastante no traxecto, uns 10 rapaces iluminaban continuamente o camiño con lanternas e xa a iso da 01.00 da madrugada, habilitaron un tren moito máis pequeno co anterior no que nos recolocaron para chegar ata San Clodio. Unha vez alí puxeron un autobús con destino Monforte, Sarria e Lugo”, afirma este viaxeiro.