Skip to main content
Vilalba

Cen mulleres elaboraron o manto de ganchillo de Tecendo Redes

Por 19 Agosto, 2022Sin comentarios

A iniciativa supera o éxito da primeira edición decorando o casco urbano de Vilalba. Mañá terá lugar a homenaxe a Concha da Reina co descubrimento dunha escultura na súa honra.

Esta tarde, o Concello de Vilalba presentou a segunda edición do Tecendo Redes 2022, un proxecto para elaborar un toldo feito a ganchillo que decora a Praza Suso Gayoso e parte da rúa Alférez López.

Na iniciativa involucráronse case 100 mulleres, incluíndo a 5 nenos e nenas, procedentes de distintas parroquias de Vilalba e do seu casco urbano, ademais das asociacións de Nete e Insua. 

Hoxe, acudiron á presentación a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e varios membros do goberno local, acompañando a parte das mulleres que participaron. O Concello obsequiou cun detalle ás participantes no proxecto, felicitándoas polo seu esforzo.

A iniciativa comezou en 2021, cunha proposta a distintas asociacións de Vilalba, á que se sumaron participantes de todo o municipio. Grazas ao éxito do 2021, a iniciativa gañou visibilidade, polo que este ano incrementáronse as participantes.

“Supón unha gran promoción para Vilalba, grazas a un traballo feito coas mans das súas mulleres. Dende que comezamos a colocar a decoración, tanto a veciñanza como os turistas xa estaban a facer fotografías eloxiando o proxecto”, sinala Elba Veleiro.

Dende o Concello de Vilalba subliñan que esta actividade permite involucrar á cidadanía en adornar a vila nas semanas previas ao inicio das festas patronais. Ademais, dado que o tecido realízase en inverno, supón unha alternativa de ocio nesa época (promovéronse cursos de ganchillo desde o tecido asociativo) que se suma ao orgullo do traballo realizado.

O Concello de Vilalba aportou o material, fío e aros, para tecer a decoración situada agora no centro da vila, no inicio das Festas Patronais de San Ramón e Santa María. En total, máis de 1.500 aros decoran a vila, superando o número do ano pasado.

“É unha iniciativa que gaña cada ano en espectacularidade e beleza grazas á implicación da xente. Pensamos xa na edición de 2023 para seguir tecendo redes nas nosas rúas e entre a nosa cidadanía”, engade a rexedora.

Tecendo Redes foi o nome escollido para o proxecto, en alusión ao ganchillo, á unidade das mulleres e á súa imparable forza.

HOMENAXE A CONCHA DA REINA

O sábado 20 ás 12.00 horas no parque fronte á escola infantil, na intersección entre as rúas da Emigración e de Ribadeo, inaugurarase a escultura en memoria de Concepción Braña Rey, máis coñecida como Concha da Reina, primeira comadroa titulada da bisbarra e piar esencial de vida para moitas familias de Vilalba.

Concepción Braña foi unha das chairegas máis importantes da historia de Vilalba. Nada no ano 1900 e finada no 1986, axudou a que miles de nenos de Vilalba visen a luz cando non había todas as facilidades de hoxe en día.

Foron moitos os persoeiros que resaltaron a súa figura “como unha muller dedicada e entregada a outras mulleres e ás súas crianzas nun momento tan especial como o nacemento, incluso chegando a denominala como o anxo da garda das mulleres”, comentan desde o Concello.

Agora, moitos anos despois e tras diversas peticións de persoas con arraigamento na vila, “o que xa supón un clamor social evidente”, o goberno vilalbés fai esta homenaxe ”a través dunha escultura simbólica do seu labor e profesión”.

Este recoñecemento “estaba pendente despois de manter varias conversas con membros da familia así como con persoas moi vinculadas á súa familia, cuestión que quedou pendente por mor da pandemia”.

FESTA INTERXERACIONAL

O Concello de Vilalba celebra este ano un novo evento dentro da programación das Festas de San Ramón e Santa María, Irmandade. I Encontro Interxeracional Vilalbés.

Nace coa vontade de ofrecer un espazo de encontro e convivencia entre os veciños e veciñas de diferentes xeracións de Vilalba. Unha xuntanza na que todas as persoas podan reencontrarse con antigas amizades, coñecidos e compañeiras de diferentes etapas vitais e doutras idades, intereses e experiencias.

A xornada, no Campo da Feira de Vilalba, terá lugar o día 20 e comezará coa actuación de Los Rastreadores (Ortiga e Grande Amore), que dará paso a unha comida na que o polbo e o churrasco serán os protagonistas. Terá un prezo de 29 euros e as reservas deben facerse nas cafeterías Pafe, Estudiante, O Porrás, e Centro. Haberá menú infantil para menores de 12 anos.

Desde as 18:00 horas continuarán as actuacións coa Minibanda de Vilalba, un proxecto conxunto da Banda de Música, o Conservatorio e a Escola de Música de Vilalba (Esmuvi).

Posteriormente, chegará a quenda de Mekanika Rolling Band, e xa pola noite DJ Male e DJ Litainer.