Skip to main content
Axenda Caducada

O Club Coyote Pedal organiza o sábado unha marcha cicloturista BTT

Por 12 Setembro, 2022Setembro 17th, 2022Sin comentarios

O club Coyote Pedal Terra Chá en colaboración co Concello de Castro de Rei celebrará a III Marcha cicloturista BTT do mesmo nome o sábado 17 de setembro con hora de saída ás 9.30 da mañá do Teleclub de Bazar en Castro de Rei.

Trátase dunha marcha cicloturista que discorre polo Concello sen carácter competitivo. A distancia para percorrer serán aproximadamente 40 km cun desnivel acumulado positivo de 1.200 metros aproximadamente. Haberá tamén unha variante máis curta por se alguén necesita facer menos percorrido.

Poderán participar todos os deportistas afeccionados ao ciclismo, federados ou non a partir dos 16 anos cumpridos, (con autorización paterna ata os 18) que realizasen un adestramento suficiente para unha marcha ciclista de longa duración e participen cun nivel de saúde e condición física óptimo para un esforzo destas características.

Ao ser unha marcha cicloturista está permitido a participación de E-Bikes, que seguirán o mesmo regulamento.

A cota de inscrición por participar na marcha será de 18 euros e cun incremento de 12 euros en caso de participar na comida. A inscrición inclúe tamén un almorzo.

O peche de inscricións será o mércores 14 de setembro ou ata cheo de prazas.