A Plataforma Sanitaria organiza unha concentración para denunciar a falta de pediatras

AMariñaXa
A Plataforma Sanitaria da Mariña organiza unha concentración diante do centro de saúde de Viveiro o vindeiro domingo ás 12 horas
concentracion pediatria marina 1
concentracion pediatria marina 1
17 nov 2022

A Plataforma Sanitaria da Mariña organiza unha  concentración diante do centro de saúde de Viveiro o vindeiro domingo ás 12 horas para denunciar a falta de pediatras.

O acto reivindicativo , en formato de performance, consiste en que as veciñas e veciños  acompañados das crianzas acudan ao centro de saúde cun boneco ou peluche ; os activistas do colectivo sanitario repartirán babeiros de papel  para colocarlle aos bonecos cunha mensaxe reivindicativa. "Depositaremos os bonecos cos babeiros postos diante do centro sanitario".

Malia que a situación afecta a prácticamente todas as localidades , a situación máis grave está a darse nestes días en Viveiro, pois faltan os dous pediatras que atenden o centro de saúde. "Neste centro aténdense máis de mil seiscentas crianzas e a carencia no servizo afecta tamén ás localidades veciñas de Ourol e Vicedo. A situación de desesperación levou a varias familias a denunciar a situación diante dos medios de comunicación e a contactar coa Plataforma Sanitaria para solicitar axuda", din dende a Plataforma.

O colectivo sanitario foi informado de que a primeira cita dispoñible para pediatra en Viveiro é para o día 2 de decembro e que se está a derivar ás crianzas cara ao servizo de urxencias ante a  imposibilidade de ser vistas por un/ha facultativo en Viveiro. Segundo comenta a coordinadora da plataforma, Montse Porteiro, a situación é crítica  e promovida polo desleixo continuado do Sergas e o goberno da Xunta durante trece anos ,” que non puxeron os medios para solucionalo de xeito deliberado e formando parte dunha estratexia destrutora da sanidade pública dirixida á privatización da sanidade”. As palabras verquidas recentemente pola xerenta do Sergas advertindo que temos que acostumbrarnos a que non haxa pediatras nos centro de saúde son absolutamente escandalosas e “confirman o que vimos advertindo desde este colectivo en relación ao desmantelamento da sanidade pública , incidindo de xeito máis virulento sobre a Atención Primaria , xa que esta é a base do sistema sanitario ; o desmantelamento deste nivel asistencial fará que a atención hospitalaria caia coma un castelo de naipes”- conclúen desde o colectivo.

A Plataforma Sanitaria tamén redactará reclamacións colectivas demandando cobertura dos pediatras

Nesta concentración a Plataforma Sanitaria redactará tamén reclamacións colectivas nas que se demanda a cobertura dos pediatras ausentes, dándoselle rexistro posteriormente no Hospital da Mariña. 

Animamos a todas as veciñas e veciños a que se acheguen ao centro de saúde a participar deste acto reivindicativo de xeito multitudinario e  que fagan  efectiva a súa reclamación , xa que a loita colectiva e quen de lograr que se fagan realidade  as nosas demandas.

concentracion pediatria marina