Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

A Granxa Gayoso Castro recibe nova maquinaria

Por 26 Novembro, 2022Novembro 29th, 2022Sin comentarios

José Tomé Roca visitou as instalacións que a institución provincial ten en Castro de Rei e o novo carro mesturador, que mellora a eficiencia do centro, así como a alimentación dos animais.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou este venres a Granxa Gayoso Castro, onde supervisou unha nova maquinaria adquirida pola institución provincial para o gando vacún do centro provincial. Tomé Roca estivo acompañado pola deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico; e o de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

A institución provincial adquiriu un novo carro mesturador que mellora a eficiencia das instalacións, así como a alimentación dos animais, que é agora máis variada e apetecible, e polo tanto, o seu benestar, saúde e tamén a súa produción. Este contrato de subministro foi adxudicado á empresa Farming Agrícola SAU por un importe de 230.000€.

O equipamento, que xa está en funcionamento para substituír o antigo, permitirá garantir unha calidade óptima da ración que se lle subministra aos animais, logrando unha maior eficiencia e produtividade, e contribuíndo ao seu benestar. O carro mesturador dá servizo a uns 200 animais -100 vacas de leite, 160 rubias e unhas 30 vacas cachenas- e servirá para substituír outra xa obsoleta coa que contaba a instalación provincial.

Centro formativo

A Granxa Gayoso Castro recibe cada curso lectivo a máis de 500 alumnos e alumnas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior do Campus Terra, das materias de Enfermidades Parasitarias, Cría e Saúde Animal, Nutrición e Alimentación, e Reprodución e Obstetricia, que realizan as súas prácticas cos animais que se atopan nas instalacións provinciais.

Ademais, 55 alumnos do IES Trapero Pardo, de Castro de Rei, do ciclo básico de Agrogandeiría e o medio e superior de Xestión Forestal, realizan prácticas de agrogandeiria e xestión forestal na Granxa Gayoso.