“O primeiro no Museo é solucionar a situación administrativa”

TerraChaXa
Entrevista a Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba, que responde ás cuestións de actualidade no Concello sobre obras e política.
elba veleiro alcaldesa vilalba
elba veleiro alcaldesa vilalba
13 nov 2022

Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba, responde ás cuestións de actualidade no Concello.

Recibiron a axuda que lles permitirá reformar a casa consistorial. Que necesidades ten esta e porque é tan urxente?

Para nós foi unha gran satisfacción conseguir esta subvención do Mitma de case un millón de euros, sendo seleccionado entre os mellores de España, para realizar unha actuación integral no edificio do Concello para facelo máis funcional e sobre todo para reducir considerablemente o consumo enerxético. O edificio ten máis de 40 anos e a súa distribución interna non corresponde ás necesidades actuais. Durante estes anos fixéronse pequenas obras para adecualo, pero con esta actuación vaise habilitar un espazo funcional, moderno, con plena accesibilidade física, sensorial e cognitiva, tanto para os traballadores como para os usuarios. Doutra banda, o proxecto vai dirixido a converter a casa do concello nun edificio sostible cunha serie de actuacións que logren un consumo enerxético mínimo. Acturase na fachada para mellorar o illamento e na cuberta cunha envolvente e colocación de paneis solares fotovoltaicos acompañados de baterías para acumular e posteriormente subministrar electricidade a fin de cubrir o 100% da demanda, que ademais diminuirá ó substituír as luminarias actuais por sistemas LED de baixo consumo. Na elaboración deste proxecto fíxose un proceso participativo contando coas suxestións de representantes de asociacións, traballadores, anpas, etc. 

Para cando estarán listas as obras?

Unha vez rematada a  fase de exposición pública de alegacións, e que sexa definitiva a concesión da subvención, o que se da por fixo, teremos 90 días para a presentación do proxecto e sacalo a licitación. Xa estamos no proceso de elaboración do proxecto definitivo con gabinetes especializados e cualificados por tratarse dunha reforma complexa  que terá que estar rematada en setembro de 2024.

Están a facer un intenso traballo nas vías das parroquias? Estase chegando ao que se esperaba?

Vilalba é un concello moi grande e ten motísimas vías, creo que esto está favorecido precisamente  por ser Terra Chá. É imposible ter todos os viais en condicións perfectas pero intentamos actuar en melloralas dentro das posibilidades. Na lexislatura anterior á nosa non se fixo actuación ningunha polo que a totalidade das vías estaban moi tocadas. Moitos veciños que se dirixen xa nolo dicen, que o tiñan falado co anterior alcalde o cal deixa claro que non se trata dun deterioro dos últimos tres anos, xa vén de atrás. Se cada ano imos facendo algo, o resultado co tempo será bo. Nesta lexislatura deuse unha situación excepcional pola pandemia. Tivemos un ano perdido polo confinamento e as limitacións á mobilidade no que non se podían executar moitas obras. Dende o ano pasado volcámonos en recuperar este tempo perdido coas limitacións de un orzamento reducido porque segue sendo o mesmo de hai anos e co agravante de que ante a situación da covid tivemos que derivar fondos para emerxencia social, incrementar o gasto en labores de desinfección e limpeza no entorno de edificios públicos, colexios, etc. Tamén tomáronse medidas para paliar a crise económica, de feito fumos dos primeiros que quitamos taxas e impostos durante dous anos para facilitar a recuperación. Deste modo a recadación foi inferior, o que mermou o orzamento. O ano pasado xa se fixo unha importante inversión de máis de 800.000 euros e este ano estanse executando obras por unha inversión similar nas parroquias.

Somos conscientes de que hai moitas necesidades en todas as parroquias , pero é imposible arranxalas todas ó mesmo tempo e dentro dos orzamentos dos que dispoñemos procuramos atender as que teñen maior necesidade. 

"Somos conscientes de que hai moitas necesidades en todas as parroquias, pero é imposible arranxalas todas ó mesmo tempo e dentro dos orzamentos dos que dispoñemos procuramos atender as que teñen maior necesidade"

Como se recibe ou se traballa coa situación que atravesa o Mupav?

O principal problema do Mupav é a súa situación administrativa, da que é consecuencia a situación actual. Esta situación administrativa precaria vén do ano 2013, cando se aprobou a lei de estabilidade orzamentaria. O Concello foi conminado a que se solucionase ese problema e se fixeran uns axustes que non tiveron lugar e como consecuencia dende o 31 de decembro de 2015 o Museo tiña que estar disolto. Esta situación anómala era coñecida e que estabamos buscando unha solución pero a raíz das declaracións de Eduardo Ramil de deixar o cargo de director xerouse un clima de dúbidas e malestar polo que hai dez días convocamos unha Comisión de Cultura, para explicar ás outras formacións políticas a situación real do Mupav e poñer sobre a mesa os pasos a dar. Cando chegamos ao Goberno sabíamos que había uns problemas pero non coñecíamos ata que punto.  Desde un primeiro momento intentamos solucionalos. A isto sumouse que no 2020 coa pandemia, este asunto  quedou relegado a un segundo plano ante outras prioridades máis urxentes. Doutra banda o edificio con máis de 40 anos amosa uns danos estruturais non fáciles de solucionar. No 2021 houbo un par de accidentes, que se solucionaron puntualmente pero quedan outros máis complexos como o da regulación da temperatura das instalacións para garantir as condicións ambientais correctas para os traballadores e para os propios materiais expostos. Fixéronse pequenas obras e arranxáronse os problemas que foron xurdindo  pero o primeiro é  regularizar a situación administrativa, un expediente que vai levar algún tempo, pero imprescindible antes de calquera outra determinación.

Pedíuse un informe xurídico para aclarar en que termos había que proceder para dita regularización e niso estamos traballando. A vontade do equipo de Goberno é solucionar o problema administrativo e que o museo volva estar funcionando nas mellores condicións posibles. É o único museo que hai en Vilalba e os fondos teñen un alto valor histórico e arqueolóxico e hai que poñelos en valor, que se podan difundir para todos os que nos poidan visitar.

E a dimisión do director do museo?

Eduardo Ramil fixo unha serie de declaracións sobre o seu cese como director do Mupav que non se axustan á realidade. En agosto presentou unha solicitude de causar baixa laboral no seu posto de traballo por incompatibilidade xa que este curso ía desenvolver o seu labor como profesor da Universidade de León a tempo completo e non a tempo parcial como viña facendo en anos anteriores solicitando ó Concello dita compatibilidade por ser ambos postos a tempo parcial e que se lle concedía polo Pleno da Corporación. Entendendo a súa solicitude de baixa laboral como unha decisión persoal en canto ó desenvolvemento do seu traballo o Concello procedeu a tramitar dita baixa por acreditarse efectivamente dita incompatibilidade.

Como avanzan as obras na Pravia?

Hai que lembrar que as obras da Pravia estiveron condicionadas por unha emerxencia, houbo que tomar medidas e decisións rápidas. É certo que se estaba a facer un estudo para a mobilidade e contemplabamos a posibilidade de deixar un só sentido de circulación e facer un proxecto para este centro de negocios seguindo os modelos doutras cidades e vilas, deixar a un lado os vehículos, camiñar, convertelo nun punto de encontro da veciñanza. A situación de emerxencia impúxose e converteuse nunha prioridade cambiar as canalizacións e aproveitar para dar maiores servizos, soterrar o cableado e facer unha superficie máis modernizada, en plataforma única, con beirarrúas accesibles. Estou segura que cando estea rematada esta obra os veciños van quedar satisfeitos co resultado, non teño dúbida. De feito, percibo que a xente está a ver que é unha empresa seria, con alta cualificación técnica que está a desenvolver un proxecto complexo e que trataron de reducir ao máximo as molestias. Púxose unha desviación para non ter que facer cortes de subministro e a obra vai algo máis lenta para non ter que interromper o tránsito dos coches, deixando unha marxe libre sempre para manter un carril funcionando.

A humanización como a da Pravia non é a primeira que se fai. Que se busca con elas?

En todas as actuacións que fixemos, facilitamos unhas beirarrúas. Había zonas onde non había, como as rúas Calvario ou Pedreiras e tratamos de mellorar a accesibilidade en todos os seus aspectos, colocar bancos e árbores para facilitar espazos para desfrute das persoas. A xente vai entendendo a idea. Que o sitio onde vivamos sexa para estar cómodos, que as persoas e o seu benestar sexan a prioridade e sendo un punto de reunión da veciñanza tamén cumplan con criterios de modernización e de embelecemento.

Este ano tamén chegou o investimento para unha obra importante, a mellora do saneamento e do servizo de augas?

Si, xa están en marcha as obras de mellora da depuradora e a construción dun tanque de tormentas que eran tan necesarias. A ninguén se lle escapa que cando temos choiva torrencial, a depuradora non da asimilado o aluvión, polo que se producen verquidos ao río coas correspondentes consecuencias medioambientais. Era algo que prometera o PP cunha inversión de 850.000 euros para o tanque de tormentas pero nunca se levou a cabo dita actuación. A construcción do tanque de tormentas e a mellora da EDAR constitúen a primeira fase dunha serie de actuacións comprendidas no convenio asinado coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil que supón a aportación de máis de 3 millóns de euros. As seguintes fases desenvolveranse en próximas anualidades.

"Nestes tres anos e medio que levamos no Goberno en ningún momento contemplou a Xunta unha partida específica para Vilalba e este ano, unha vez máis, Vilalba ten cero euros para estas actuacións"

Elevou unha importante crítica contra os orzamentos da Xunta. Acusa falta de investimentos?

Nestes tres anos e medio que levamos no Goberno en ningún momento contemplou a Xunta unha partida específica para Vilalba e este ano, unha vez máis, Vilalba ten cero euros para estas actuacións. Recentemente, como criticamos, Sandra Vázquez, a voceira popular, afirmou que hai dous millóns de euros de inversións da Xunta en Vilalba pero simplemente se refería a obras e melloras que se atopan dentro das súas competencias e obrigas, non de proxectos necesarios para a vila e que levamos solicitando todo este tempo. Se de verdade hai eses dous millóns de euros, porque non especifican para que proxecto son? Dende a agrupación socialista a través dos nosos parlamentarios presentamos peticións concretas ao Goberno galego pero a deputada popular vilalbesa sempre debeu votar en contra porque non se viu ningunha actuación. No pasado pleno ordinario, presentamos unha moción para dirixirnos á Xunta, porque o nivel de captación de auga está moi xusto para as necesidades actuais. Aspiramos a unha ampliación do polígono e necesitamos ampliar para iso a captación de auga, presentamos esa moción ante Augas de Galicia para que faga un proxecto de aumentar os puntos de captación, esperemos que se traslade no debate das emendas do Parlamento se hai esa partida e sería importante unha aportación para iso. Tamén demandamos axudas para o centro de día e melloras para os viais no polígono. Son proxectos moi necesarios para axudar ao uso e desfrute dos vilalbeses e esperemos a ver se este ano teñen acollida e teñen a maior resposta posible.

Houbo tamén queixas polo reparto das subvencións nominativas.

No tema das subvencións nominativas a oposición votou en contra coa escusa de que se convocou mal o pleno e non é certo, convocouse cunha semana de antelación e o equipo de goberno presentou unha proposta de subvencións nominativas. Para esta cuestión temos un crédito determinado e hai que ser conscientes diso. Dentro desa marxe incrementáronse nalgúns casos e noutros diminuíronse para facer un reparto xusto. Ademais urxía sacalas porque está a piques de rematar o ano e non podíamos deixar que se perderan. No caso do hospital asilo, hai un convenio polo que o Concello se fai cargo dunha parte do custe de 5 prazas da unidade de alzhéimer, que son preto de 60.000 euros ao ano e había unha parte fixa de 30.000 euros para gastos. Durante a corentena as prazas de alzhéimer seguíronse pagando e o ano pasado abonáronse 50.000 euros, en lugar dos 30.000 por un erro, polo que este ano para poder facer os axustes pertinentes o que se fixo foi deducir eses 20.000 euros que se pagaron de máis o ano pasado, que irán para outro proxecto.

Gustaríame que en cousas deste tipo a oposición sexa coherente cando fai as súas declaracións. Sei que todos temos a nosa forma de pensar pero non podemos recurrer a posicionamentos que non responden á realidade e á verdade. Pídolles que sexan coherentes, que defendan as súas posturas con argumentos e non faltando á realidade e á verdade, tratando de dar unha imaxe falsa da toma de decisións. No tema do reparto votaron en contra pero tampouco ofreceron propostas porque se as fixeran podíamos telas escoitado.

infografia obras remodelacion casa consistorial vilalba3
estado caminos parroquias vilalba
labores rebacheo caminos goiriz
mupav vilalba
rua da pravia vilalba obras
obras humanizacion pedreiras vilalba
firma convenio edar vilalba chms concello