Skip to main content
Axenda Caducada

A Librería Agrasar organiza o primeiro “Tomando un libro con…” xunto á escritora Antía Yáñez

Por 22 Xaneiro, 2023Xaneiro 23rd, 2023Sin comentarios

O vindeiro 4 de febreiro ás 20.15 horas na vinoteca Grolo de Monforte a Librería Agrasar organizará a primeira velada literaria “Tomando un libro con…” coa escritora Antía Yáñez.

Este acto forma parte das múltiples actividades que estamos a organizar desde Librería Agrasar polo 25 aniversario da nosa inauguración que se cumpre este ano 2023.

A idea nace de buscar un plan alternativo para as noites dos sábados no que lectores e autores poidan atoparse e intercambiar opinións tomando algo en diferentes establecementos da Ribeira Sacra.

“Parécenos unha actividade interesante para relacionarse con xente, descubrir novos xéneros literarios, coñecer autores e establecementos que, noutras circunstancias, a xente non lería ou non visitaría”, defenden desde a librería.

O prezo da velada é de 29 euros por persoa que inclúe o libro ‘Non penses nun elefante rosa’ (dispoñible en galego e castelán), unha consumición para elixir entre viño, refresco, cervexa ou auga, un piscolabis e unha charla agradable. Existe a posibilidade de asistir ao evento sen o libro incluído por 12 euros por persoa.

As prazas son moi limitadas. Pódese reservar por teléfono no número 687 620 849 e redes sociais da Librería Agrasar así como na propia librería.

Sinopse ‘Non penses nun elefante Rosa’

Aurora é nova, independente, ten traballo, amigas, vive soa na cidade, le novelas eróticas, sae cando quere e déitase con quen lle prace. Todo sería perfecto… se non fose porque na súa existencia case nada vai como debería.

A súa vida cambalea, a súa parella abandonouna, foxe das súas amigas para non ter que dar explicacións e prefire manterse afastada da familia.

Un día, por casualidade, Aurora coñece a Brais, un neno de dez anos, curioso, impertinente, con pinta de superdotado pero de familia desestruturada, do que non é quen de librarse.

Cun extraordinario sentido do humor e abordando a fondo o tema da saúde mental, Antía Yañez relátanos a historia de Aurora, unha «millennial» autoesixente e perfeccionista que vive a súa vida coma unha voráxine que non é capaz de controlar.