Skip to main content
Mar AMARIÑAXARibadeo

Costas iniciará a estabilización da praia do Cargadoiro de Ribadeo nas próximas semanas

Por 30 Marzo, 2023Sin comentarios

A subdelegada asegurou que con estas actuacións dáse resposta inmediata a unha demanda da veciñanza, permitindo aos usuarios e turistas empregar de novo esta praia de Ribadeo.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, avanzou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico realizará novas actuacións na praia do Cargadoiro, no concello de Ribadeo, poñendo de manifesto o compromiso do Goberno de España co mantemento e a mellora do litoral da Mariña lucense.

O Servizo Provincia de Costas vén de adxudicar por un orzamento de 46.500 euros as obras rehabilitación e acondicionamento do único acceso ao areal, situado á marxe esquerda da desembocadura da ría de Ribadeo, afectado por un esvaramento de terras que provocou o conseguinte baleirado e falta de apoio da estrutura que da soporte ás escaleiras.

A subdelegada asegurou que con estas actuacións dáse resposta inmediata a unha demanda da veciñanza, permitindo aos usuarios e turistas empregar de novo este espazo natural. “O obxectivo é que a praia do Cargadoiro se atope no estado óptimo para o inicio da tempada estival, ao tratarse dun dos numerosos enclaves turísticos cos que contamos en Ribadeo, ofrecendo o mellor servizo e seguridade aos bañistas”, engadiu.

Así mesmo, Isabel Rodríguez afirmou que estas melloras constatan a aposta e sensibilidade do Goberno Central coa mellora das praias do litoral da Mariña, onde se están impulsando ademais proxectos de protección e rexeneración da costa por valor de 1,9 millóns de euros, en municipios como Foz, Barreiros, Burela ou O Vicedo.

Os traballos previstos consistirán na reparación e consolidación da estrutura que da soporte ás escaleiras, ademais da remodelación desta infraestrutura, o que redundará nunha mellor protección fronte á ondada. Estas reparacións, que se iniciarán nas próximas semanas e teñen un prazo de execución de dous meses, lévanse a cabo nesta época do ano para non correr o risco de que se produzan temporais que afecten a estas zonas, o que supoñería que a intervención quede sen efecto.