O Cemiterio de San Froilán acollerá unha exposición permanente sobre a historia das prácticas funerarias

LugoXa
O Cemiterio de San Froilán acollerá unha exposición permanente sobre as prácticas funerarias desde a época romana ata a actualidade
Presentación Cemiterio San Forilan
Presentación Cemiterio San Forilan
18 mar 2023

O cemiterio acollerá a exposición permanete As necrópoles lucenses: do Cemiterio Xeral de Magoi ao Cemiterio Municipal de San Froilán, que foi presentada polo tenente alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación, Cristina López, acompañados de persoal técnico municipal e que se intalará nas vindeiras semanas e está contemplada dentro da celebración do 75 aniversario do cemiterio.

O acto contou coa presencia do representante de Helice Diseño, Sebastián Fernández, empresa que realizou o proxecto expositivo, xunto con Gonzalo Francisco Fernández Suárez, investigador da USC na área de Ciencias e Técnicas Historiográficas.

O proxecto iniciouse como froito do traballo realizado entre a área de Participación e a USC, protagonizado nun primeiro momento por Ana Goy Diz, quen será nomeada comisaria a título póstumo da exposición “como recoñecemento ao seu traballo de investigación e posta en valor do Cemiterio Municipal”, explicou a concelleira de Participación, que engadiu “logo do seu pasamento, o equipo de traballo continuou a traballar arreo ata culminar o que é unha parte fundamental da historia de Lugo, a sociedade vista a través da morte”.

Cristina López afirmou que “a exposición é unha clara aposta pola recuperación da memoria histórica da cidade a través dunha mirada que visibilice as prácticas funerarias, desde a época romana ata a actualidade”, e engadiu “supón tamén recuperar a imaxe do antigo Cemiterio Xeral de Magoi, cuxa clausura e derribo supuxo unha lagoa importante na memoria colectiva”.

A exposición instalarase no espazo expositivo que se está a habilitar no Cemiterio Municipal, e busca reivindicar a esta instalación como un lugar de recordo, memoria e celebración da vida.

Actividades no Cemiterio

Cristina López, anunciou que o Cemiterio acollerá actividades este domingo co gallo da celebración do 19 de marzo. Cristina López afirmou que “ano a ano as actividades artísticas do 19 de marzo reciben unha gran afluencia, sendo unhas das actividades máis importantes da programación anual do Cemiterio”, e engadiu “contaremos con distintas actividades a cargo de Achádego Teatro, de xeito similar ás realizadas nos pasados anos”.