O Concello de Burela investirá en melloras na luz e no son do auditorio da casa da cultura

AMariñaXa
O Concello de Burela investirá 35.000 euros en diferentes melloras na luz e no son do auditorio da casa da cultura
casa concello burela
casa concello burela
18 abr 2023

A subvención que lle acaba de ser concedida ao Concello de Burela irá destinada á realización de diversas melloras no auditorio da Casa da Cultura. Son 35.000 euros os que se investirán no cambio dos focos do escenario, na compra dun novo proxector e dunha nova mesa de son e na cámara negra do propio escenario. Segundo informou o concelleiro de Cultura, José Díaz, desa cantidade o Concello burelés aportará o 30% e o resto a Xunta de Galicia.

Díaz dixo que “evidentemente está claro o funcionamento a lume de biqueira que está a ter o auditorio desde hai xa anos, con todo o que se traballou para que así fose e para que a xente respondese os eventos que organizamos nel. Pero o tempo pasa e vai habendo desgaste e tamén hai pezas e estruturas que quedan anticuadas”.

Sobre a subvención subliñou que “neste caso é unha subvención duns 35.000 euros, dos que o Concello achega o 30 por cento e o resto sería da Xunta. Son axudas que veñen moi ben e que agradecemos porque son necesarias para este tipo de espazos. Hai que sumar unha serie de puntos para acceder a elas e nós conseguimos ter os necesarios para ser uns dos afortunados con esta subvención”.

O concelleiro de Cultura explicou que “a mellora será sobre todo en aspectos de iluminación porque imos cambiar os focos do escenario, que son antigos, de 1.000 watts e que teñen un enorme consumo eléctrico polo que están totalmente desfasados e ademais tiñamos estragados e fundidos varios deles; de feito quedábannos 3 ou 4 funcionando. Entón imos pedir 18 focos novos LED, de seis colorees, cunha estrutura totalmente diferente e un efecto lumínico moitísimo mellor; isto fai que cando veñan eventos conten cun material técnico do propio auditorio moi mellorado.Tamén imos cambiar o proxector que se utilizaba para películas de cinema ou documentais. Instalarase un de altísimo nivel, que serve para proxectar practicamente igual que nunha sala de cinema”.

José Díaz seguiu a relatar que “imos cambiar tamén a cámara negra do auditorio, que é un pano que envolve todo o escenario, e vaise colocar axustándoo ás paredes con rieles. Para isto falamos con moitos dos técnicos que veñen a eventos a Burela, a quen pido consello, e con eses informes estruturamos o que podía facernos máis falta. Tamén imos substituír a mesa de son de control xeral por unha que se axuste á grandísima maioría de eventos, sobre todo actuacións de música en directo, para o que case nunca servía a mesa que tiñamos”.

Para José Díaz “todo isto, á parte de mellorar o noso propio funcionamento cando organizamos eventos propios, repercute en que sexa moito máis fácil que veñan actuacións externas e que non nos cobren un extra por ter que traer rider e o que supón o seu transporte porque hai que utilizar máis vehículos para chegar ata aquí e a montaxe de todas esas estruturas. Se nós de base poñémoslles algo mellor eles traballan máis fácil”.

E engadiu: “tamén se instalarán amplificadores de son, monitores e outras cousas que farán que a mellora en calidade de luz e de son do auditorio sexa moi considerable”.