Ana Corredoira presenta a lista do PSOE de Palas de Rei

LugoXa
A candidata socialista de Palas de Rei, Ana Corredoira, presentou a súa candidatura para as vindeiras municipais.
PRESENTACION CANDIDATURA PSOE PALAS DE REI
PRESENTACION CANDIDATURA PSOE PALAS DE REI
30 abr 2023

A candidata socialista de Palas de Rei, Ana Corredoira, presentou a súa candidatura para as vindeiras municipais. Este gandeira e bióloga, dedicada á produción de leite ecolóxico á fronte da granxa A Cernada, lidera por primeira vez o proxecto do PSdeG neste concello de cara á convocatoria electoral do 28 de maio.

A Casa da Cultura de Palas acolleu o acto, no que participaron a Secretaria de Organización provincial, Pilar García Porto, e o Voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, así como cargos orgánicos e militantes do Partido.

Pilar García Porto subliñou que “a súa formación, traxectoria e proxección” fan de Ana Corredoira “unha candidata con capacidade gañadora para darlle a Palas de Rei o impulso que precisa”. Ademais destacou a “defensa e o compromiso co rural que vén demostrando dende hai moito tempo”.

A Secretaria de Organización provincial asegurou así mesmo que a candidata socialista é o reflexo “da forza, do dinamismo e da capacidade do Partido Socialista para ilusionar e atraer a persoas con talento e gran proxección”.

Ana Corredoira ten 33 anos de idade. Como ela mesma se define, é bióloga de formación e gandeira de profesión e vocación, dedicándose a produción de leite ecolóxico na Cernada, onde está a finca familiar. Medrou en Palas e sempre estivo vinculada ao rural e ao sector primario, implicándose activamente na defensa deste territorio, das súas posibilidades e da construción do seu futuro. Colabora activamente en programas e medios de comunicación tanto a nivel nacional como local, contando as súas experiencias vitais arredor do seu traballo.

Buscar a cohesión social

A candidata do PSdeG reivindica outro de xeito de facer política en Palas de Rei “defendendo o territorio e apoiando ao medio rural”. Sinala que lidera esta lista electoral “consciente das eivas e necesidades deste municipio que experimento eu mesma a diario, así como da importancia de vertebrar cada proposta arredor das veciñas e veciños e de buscar de novo a convivencia e a cohesión social a través do traballo colaborativo”.

Explicou ademais que nesta andaina está acompañada “por un equipo de veciñas e veciños comprometidos, preparados e ilusionados para traballar activamente polo futuro de Palas de Rei. Persoas que, coma min, carecen de intereses políticos mais aló do obxectivo de mellorar e traballar a prol do municipio”.

Políticas sociais, cultura, infraestruturas, estradas e vivenda

No que se refire ao programa electoral, Ana Corredoira aposta por unha Administración local transparente e por reforzar as políticas sociais, “coa premisa de estar máis preto das persoas”. Puntualiza ademais que este proxecto progresista en Palas de Rei “comeza cunha mención moi significativa cara o reto demográfico como eixo de traballo nas políticas públicas do noso Concello”.

No eido cultural destaca “un plan de cultura en movemento polas parroquias e un Proxecto de Biblioteca Municipal que inclúa actividades lúdicas e culturais”. Tamén propón a Creación dun Padroado Municipal de Cultura, Turismo e Deporte, “unha estrutura que, contando cos axentes e entidades implicadas, poida desenvolver os plans estratéxicos neste eidos que nos permitan poñer en valor a nosa vila, o noso rural, a nosa cultura e o noso patrimonio”, afirmou.

Sobre as melloras das infraestruturas e dotacións públicas no concello de Palas de Rei propón a “humanización da vila e dos espazos públicos e a revisión da accesibilidade e as zonas verdes”, así como “a rehabilitación e mantemento dos edificios e instalación públicas”. Sinala que “urxe atender a rede pública de abastecemento de auga, acondicionada e preparada para soportar a demanda actual da vila, e mellorar a rede de saneamento e a xestión de reciclaxe de residuos”.

En cando á rehabilitación e mantemento das vías municipais, Corredoira propón “un plan estratéxico que contemple a rehabilitación de todas as estradas que percorren o noso municipio”. “Esta medida é fundamental para posibilitar a vida e o desenvolvemento dunha actividade económica na aldea”, remarcou.

No que atinxe á vivenda, “é unha das problemáticas actuais” no concello, polo que plantexa “un plan público que revise esta realidade e, co apoio dos axentes implicados, desenvolva a súa capacidade mediadora”. Outra proposta é un plan de promoción de emprego “prestando unha atención especial ao desenvolvemento empresarial e, especialmente, ao ecosistema do emprendemento innovador”.

Candidatura do PSdeG ás eleccións municipais de Palas de Rei

A candidatura socialista de Palas de Rei está composta polos seguintes candidatos e candidatas:

  1. Ana María Corredoira Vázquez
  2. Ángela Pérez Vázquez
  3. José Manuel García Miguélez
  4. Teresa Castiñeira Vizcaíno
  5. Miguel Ángel Rivera Barral
  6. Aida Sánchez Expósito
  7. Pablo Sánchez Arias
  8. Juan Bautista Rodríguez Santiso
  9. Rosana Pacín Vázquez
  10.  Isabel Cea Cea
  11. José Antonio Blanco Rouco

Suplentes: Pedro González Sordo, María Cruz Fernández Cebral e Eladio Besteiro Gómez.