O vindeiro venres preséntase a candidatura do PP de Láncara nun acto público

SarriaXa
O vindeiro venres preséntase a candidatura do PP de Láncara nun acto público despois de presentar os cinco seguintes na lista
PP Láncara
PP Láncara
26 abr 2023

Olga Capón, candidata do Partido Popular á Alcaldía de Láncara nas vindeiras eleccións presentou ás cinco persoas que a suceden na lista da candidatura: Marcos Míguez, Miguel Losada, Susana Ungría, José Antonio Somoza e Manuel Neira.

Deles, Capón defende que “ademais de ser persoas moi implicadas dende o primeiro día, representan a cada unha das mesas electorais do municipio", xa que foi unha aposta persoal da candidata por “formar un equipo de xente de varias parroquias de forma que abarcamos todo o territorio do noso concello”.

Desde o partido explican que o proxecto do PP en Láncara conta cun “equipo de persoas traballadoras, que aportan coñecementos e experiencia en distintos sectores, totalmente implicadas e con moita ilusión por mellorar o noso concello. De feito, levamos xa semanas traballando unidos e a disposición de tódolos veciños e veciñas porque queremos facer que, entre todos, Láncara progrese”.

Así, o vindeiro venres, 28 de abril, os populares darán a coñecer a súa candidatura nun acto aberto a que queiran asistir para coñecer "un equipo comprometido a longo prazo”. A todos, agradécelles “a súa implicación e aportación para axudar a ganar”.

Lista de candidatos, en detalle

O segundo na lista, Marcos Míguez, que representa a zona de Armea na mesa de Carracedo, é empresario do transporte e gandeiro cunha explotación de carne. Interesado pola política do Concello desde o ano 2015, “é un rapaz moi coñecido e moi querido que cre firmemente que se poden cambiar as cousas. Aporta serenidade e forza e, sen dúbida, traballará por impulsar a industria en Láncara”, explica Capón.

Pola súa parte, Miguel Losada, da zona alta do concello, en Cedrón, entra por primeira vez en política e destaca “pola súa calidade humana”, explica a candidata e relata que "é unha persoa namorada do rural, preocupada polo futuro dos seus fillos, de que os mozos que queiran se poidan quedar no rural e de que os maiores teñan a atención que merecen. Creo que pode aportar moito pola dinamización de Láncara”, asegura a candidata.

Susana Ungría, que representa a zona da Pobra de San Xiao e tamén concorre por primeira vez, é unha muller emprendedora que montou a primeira casa niño do concello. “É nai e está moi vencellada ás actividades lúdicas, de ocio e de atención a nenos e tamén moi vinculada coa xuventude”, sosteñen desde a agrupación política.

José Antonio Somoza ocupará o número 5 representando á mesa de Río. Xa formou parte da candidatura do PP no ano 2011 e "está moi implicado co rural e por garantir que os mozos encontren atractivo seguir traballando nas ganderías. É un home bondadoso e querido polos veciños”, sinalou a candidata.

Manuel Neira representa á zona de Trasliste e conta con máis de 30 anos de experiencia política; de feito formou parte das listas do ex alcalde Eladio Capón. “É unha persoa de total confianza que conserva moita ilusión por aportar e que, se chegamos ao goberno, será o concelleiro de obras”, explica a alcaldable.