A xeración de solo industrial en Sarria será unha cuestión prioritaria no programa dos populares

SarriaXa
A xeración de solo industrial en Sarria será unha cuestión prioritaria no programa dos populares da man de Carmen López
PP Sarria e Xunta
PP Sarria e Xunta
17 abr 2023

Carmen López Rodríguez, candidata do Partido Popular á Alcaldía do concello de Sarria reniuse con Francisco Conde para buscar apoios ou solucións que faciliten a xeración de solo industrial en Sarria.

A candidata á Alcaldía manifestou que esta cuestión será prioritaria no seu programa electoral a fin de evitar o bloqueo que “está provocando o SEPES ao non executar o proxecto de urbanización da segunda fase do Polígono do Morelle e sometelo a unhas condicións inasumibles en comparación co resto de polígonos industriais da provincia", sostivo.

A candidata tamén lamenta que durante esta última lexislatura, Claudio Garrido tivera dado un paso atrás nesta exposición ao aceptar unhas condicións cuestionables, segundo a súa visión, do SEPES para licitar dita obra:

  • Prezo medio do metro cadrado ofertado, que ascende a 70 euros/m2, converténdose no prezo máis alto de todos os polígonos da provincia de Lugo.
  • Reserva por parte de empresarios interesados do 50% da superficie da segunda fase antes do inicio da obra.

"Perdas" en Sarria

Carmen José López destaca a “importante perda que experimenta a vila cada vez que unha empresa ten que marchar deste territorio para poder crecer ou cada vez que un emprendedor ten que renunciar a emprender en Sarria”.

A candidata mostrouse satisfeita despois da xuntanza mantida, xa que por parte do Conselleiro púxose de manifesto o apoio da Xunta neste sentido e a predisposición para por en marcha os mecanismos da administración autonómica para sortear “unha situación que non pode prolongarse máis no tempo”.

Outras cuestións

Na mesma reunión abordáronse outras cuestións de importancia para o municipio, como as posibilidades de instalación dunha estación da ITV ou a creación dun viveiro industrial para empresas.

Esta última iniciativa, que formará parte do programa do PP para os próximos 4 anos, podería contar cunha financiación da administración autonómica de 240.000 euros.