O BNG de Outeiro de Rei reclama no pleno a devolución de dietas "cobradas irregularmente"

TerraChaXa | LugoXa
O BNG presenta unha moción para que os membros do PP devolvan as dietas das reunións dunha comisión que só eles sabían que existía
concelleiros bng outeiro de rei
concelleiros bng outeiro de rei
27 abr 2023

O BNG de Outeiro de Rei vén de solicitar formalmente mediante unha moción que os membros do PP que cobraron dietas por asistir a esa comisión procedan a devolver as cantidades que cobraron ás arcas municipais coa maior brevidade posible, "dado que consideramos que eses cartos foron cobrados de forma irregular".

"As actas desta comisión, á que eles mesmos chama Comisión de Coordinación revelan que non teñen ningún tipo de transcendencia e estudadas as datas e horas de celebración, tamén se deduce que sempre se producen despois doutra reunión, pola cal xa cobran a dieta correspondente. Estamos a falar de cobrar dobre dieta, 240 euros cada un deles, por reunións duns poucos minutos", explican.

"Hai que ter en conta que as comisións que poidan existir están reguladas pola Lei de Bases de Réxime Local e teñen que ser creadas no propio Pleno, con toda a publicidade e transparencia. Aquí estamos ante unha comisión que nunca se creou no pleno e onde cuxa existencia saíu á luz por casualidade, cando se viu unha convocatoria, supoñemos que debido ao cambio que se produciu de Secretaria Xeral. Hai catro anos xa destapamos algo similar, pero realmente pensamos que deixaran de facer este tipo de prácticas. Agora dámonos conta que volveron ás andadas, continuou dicindo o concelleiro do BNG.

Así mesmo, dende o BNG tamén cren que ademais de non poder existir unha comisión destas características, as indemnizacións por servizo (dietas de asistencia) serven para compensar os desprazamentos e o tempo que duran as reunións, "pero en ningún caso están pensadas para duplicar o que se cobra por reunión duran tan pouco tempo e se celebran o mesmo día e de xeito consecutivo".

Moción no Pleno e posible recurso ao Tribunal de Contas

Dadas estas dúas circunstancias, a irregularidade da existencia da propia comisión e a duplicidade do cobro, dende o Grupo Municipal do BNG presentaron esta proposta para que "de xeito voluntario devolvan estes cartos irregularmente cobrados". De non producirse esta acción, estudan a posibilidade de forzar a recuperación destas cantidades para as arcas municipais, non descartando acudir ao Tribunal de Conas de Galicia se fose necesario ou outro tipo de xurisdicións se fose preciso.