O BNG mindoniense presentou a candidatura completa

AMariñaXa
O BNG mindoniense presentou a candidatura completa coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.
Mondonedo BNG candidatura 2023
Mondonedo BNG candidatura 2023
2 may 2023

O BNG mindoniense presentou a candidatura completa coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Esta estará encabezada polo actual portavoz municipal no concello de Mondoñedo, Eloi Cabanas Ramos, que declara que o novo proxecto co que se presenta a formación nacionalista a estas eleccións “combina a experiencia e a solvencia dos que xa formaron parte da corporación en anos anteriores e a ilusión e o compromiso de traballo das novas incorporacións”.

O BNG concorre aos comicios coa aspiración de ser unha forza determinante no concello co obxectivo de demostrar que é posíbel outra forma de gobernar para mellorar a vida da veciñanza. O candidato á alcaldía, Eloi Cabanas, declara que se presentan a estas eleccións con moita ilusión, responsabilidade e co aval do traballo realizado nestes anos desde a oposición, poñendo derriba da mesa propostas que evidencian a necesidade de que o BNG estea no concello con forza para liderar un goberno capaz de desenvolver, todas esas iniciativas que lograron aprobar no concello e que o goberno popular non quixo sacar a diante.

Para Eloi Cabanas, esta lista demostra que en Mondoñedo hai alternativa, “queremos liderar un goberno con xente capaz, con gañas e novas ideas para desbotar o conformismo e mudar a realidade cotiá dos nosos veciños e veciñas”.

Fronte a lentitude e a ineficacia do actual goberno popular, o BNG declara que a súa aposta de goberno para os vindeiros 4 anos estará baseada en traballar para cumprir as propostas e os acordos plenarios promovidos polo BNG no concello, corrixir as deficiencias dos proxectos botados a andar estes anos na cidade, manter das infraestruturas e os espazos públicos en bo estado de limpeza e conservación e loitar por un rural vivo con políticas para a modernización da zona rural.

“A nosa prioridade absoluta, en definitiva, será a de traballar polo benestar da veciñanza e abordar estratexias dirixidas a recuperar o dinamismo económico e a creación de emprego no noso concello, e para iso tamén é preciso un goberno reivindicativo que non sexa compracente cos gobernos doutras administracións”, conclúe.

CANDIDATURA

1. Eloi Cabanas Ramos
2. Josefa Carballeira Díaz
3. María Elena Freire Castro
4. André Outeiro García
5. Clara Vila Vázquez
6. Manuel Anllo Centeno
7. José Chao Vega
8. María Del Carmen Maseda Díaz
9. Pablo Rodríguez García
10. Ana Isabel Barreira Botana
11. Manuel Orlando González Cruz
Suplentes:
1. Feliciano Berdeal-González
2. Beatriz Villarino González