Xa se están executando as obras de pavimentación e drenaxe dos exteriores de Aspanane en Viveiro

AMariñaXa
O Concello de Viveiro informa de que xa se están executando as obras de pavimentación e drenaxe dos exteriores de Aspanane
obras aspanane viveiro maio 2023
obras aspanane viveiro maio 2023
4 may 2023

O Concello de Viveiro informa de que xa se están executando as obras de pavimentación e drenaxe dos exteriores do Centro Ocupacional de Aspanane (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro).

Grazas á xestión do goberno local, e en virtude do acordo asinado coa Deputación de Lugo, acométese esta actuación que terá un custe de preto de 50.000 euros, dos que a Deputación achega 44.242 euros, correspondendo o resto ao concello.

“Estas obras eran moi necesarias para eliminar os problemas de filtracións existentes. O noso compromiso coa directiva e xerencia de Aspanane é máximo, por iso continuamos apoiando todas  as súas actividades, ao mesmo tempo que facilitamos o desenvolvemento do seu importante labor nas mellores instalacións posibles”, afirma a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

O proxecto que xa se está a executar inclúe o acondicionamento do recinto exterior pechado que estará destinado ao lecer dos usuarios e usuarias de Aspanane.

As obras servirán para ampliar a zona asfaltada, permitindo a correcta circulación polo perímetro do edificio, e crearase unha ampla zona verde para conseguir espazos agradables.

O proxecto inclúe ademais a realización dunha drenaxe perimetral do edificio para evitar así as filtracións de auga no interior do inmoble.