O PP de Vilalba asegura que se implicará no desenvolvemento económico e industrial

TerraChaXa
O PP de Vilalba implicarase no desenvolvemento económico e industrial de Vilalba da man do tecido empresarial
reunion pp empresarios vilalba
reunion pp empresarios vilalba
4 may 2023

A candidata popular á alcaldía de Vilalba, Sandra Vázquez, defendeu a necesidade de que o Concello colabore co tecido empresarial para o desenvolvemento dos seus proxectos e contribuír deste xeito á dinamización económica e á creación de emprego. Do mesmo xeito, o vicepresidente do PP da provincia e responsable da área de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego, Francisco Conde, definiu como “fundamental” a colaboración entre administracións.

Así o expuxeron nun almorzo con numerosos empresarios vilalbeses que puideron escoitar de primeira man e de forma detallada o proxecto do PP local en materia de desenvolvemento empresarial de cara ás vindeiras eleccións municipais, así coma as ferramentas que pon a Xunta a disposición do sector empresarial.

Vázquez fixo fincapé na necesidade de ampliar o solo industrial no polígono Sete Pontes “para promover unha maior actividade económica”. Igualmente, aposta por “continuar cos trámites que iniciara o anterior goberno para converter a Vilalba nun Concello Emprendedor a través da adhesión ao programa Doing Business” que ofrece, entre outros beneficios para os promotores de iniciativas empresariais, bonificacións fiscais e simplificación dos trámites administrativos acurtando prazos. Así mesmo, explicou que o programa electoral popular recolle a creación dun centro loxístico para o transporte. E, ante as preguntas dos participantes, confirmou a conveniencia de aprobar “canto antes” o PXOM porque é a ferramenta urbanística que permite desenvolver Vilalba.

A alcaldable popular sinalou que “crear emprego é unha das nosas prioridades” e por iso “promocionaremos os obradoiros de emprego e, tamén en colaboración coa Xunta, apostamos pola Formación Dual”. Nese sentido, Conde subliñou tamén que “a importancia da formación profesional para que as empresas conten con traballadores cualificados”.

Vázquez recoñeceu o esforzo dos empresarios sinalando que “sen empresarios non hai empresas e, polo tanto, non hai emprego”. E como candidata comprometeuse a traballar para o impulso dunha Vilalba “máis dinámica economicamente que permita convertela no motor da comarca e nun referente da provincia na creación de emprego, na retención de talento e asentamento de poboación”.

Francisco Conde defendeu a simplificación administrativa e a adopción de medidas que favorezan o investimento e a posta en marcha de proxectos industriais a través dunha Administración próxima e da colaboración. “De aí a importancia de contar cun goberno municipal a futuro que teña entre as súas prioridades a xeración de actividade industrial e de emprego”, sinalou tendo en conta que “Vilalba merece un futuro de oportunidades para os novas xeracións, alternativas industriais, investimento, novas empresas e captar oportunidades para o emprego e o emprendemento”.

Vázquez lamentou a “falta de implicación do goberno municipal socialista” co sector empresarial ao “meter nun caixón os trámites para converter a Vilalba nun Concello Emprendedor”; igual que co polígono industrial Sete Pontes porque “a súa ampliación está paralizada”. Así mesmo, condenou que “os socialistas nin sequera ofrezan solucións aos problemas do día a día como son a limpeza e a sinalización do pulmón económico de Vilalba”.