Xermade: Camiño Real da Carba

TerraChaXa
Camiño Real da Carba, unha antiga ruta comercial que enlazaba Mondoñedo, capital de provincia de Galicia, con Ferrol, pola crista da serra
ruta serra da carba xermade3
ruta serra da carba xermade3
1 may 2023

Antiga ruta comercial cargada de historia que enlazaba Mondoñedo, capital de provincia de Galicia, con Ferrol, pola crista da serra.

Unha das rutas máis destacadas que nos ofrece Xermade é o Camiño Real da Carba. Enlazaba Mondoñedo, capital do antigo Reino de Galicia, con Ferrol. O camiño supuña unha ruta comercial sobre o que se teñen producido innumerables acontecementos.

É un paseo pola crista da Serra da Carba e ascensión á súa punta máis alta, o Garba, de 909 metros de altitude cun vértice xeodésico e unhas preciosas vistas da Terra Chá polo sur e da Serra do Xistral polo norte.

Todo o camiño é por unha pista de terra pisada que dá servizo ás torres eólicas. Non presenta ningunha dificultade salvo que vaiamos nun día de moito vento ou de tormenta.

No seu percorrido polo Concello de Xermade cruza a Serra da Carba, que forma parte do LIC da Serra do Xistral, entrando por Lousada e saíndo na parroquia de Roupar, cara ás Pontes, Espiñaredo, Ponche de Xubia e Ferrol. Antes, saíndo de Mondoñedo, cruza Abadín por Romariz, Labrada e Montouto e Vilalba por San Simón e Vilapedre.

O primeiro lugar que se atopa un en Xermade é a Casa Neveira, edificio de forma rectangular, construído en pedra nunha zona con certa pendente de forma que unha parte queda practicamente enterrada e a outra a nivel do solo, por onde se facía o acceso. En tempos antigos, en que as nevaradas eran copiosas e duradeiras no tempo, recollíase a neve da zona próxima, para introducila na casa.

O camiño prosigue polo cumio da Fraga da Lagoa, auténtico nicho ecolóxico onde se atopan carballos e acivros seculares, con outra vexetación, que forma un manto no terreo de grande valor ambiental. Na súa cabeceira xorde o manancial que dá vida ao Río Trimaz e no seu cume está un lago natural que se forma polas altas precipitacións.

Neste lugar facíanse as monterías ou batidas do lobo, ata o primeiro terzo do século XX, e había un foxo, un furado escavado na terra que tamén se empregaba para dar caza ao animal, usando un cabrito de reclamo.

Despois de pasar sobre a fraga, pasa preto dun moderno parque eólico que coa nova infraestrutura viaria fai esquecer un pequeno treito do camiño, para unirse de novo en dirección ao lugar da Garrona. Antes de chegar a el deriva á dereita en dirección a un pequeno rego e despois aparece a Cruz da Rega.

Logo se chega ao Campo da Feira, xunto á igrexa parroquial de Santo André de Lousada, edificio moderno construído no ano 1962, cun gran mosaico no frontón da fachada principal, que veu a substituír a Igrexa vella.

Por un tramo de estrada provincial avanza o antigo camiño real para salvar Pontogutierrez e unha vez pasado O Sumeiro volver a recuperar o trazado orixinal, salvando a Ponte dos Corvos, de construción medieval. Próximo ó camiño está o punto onde se erguía a Capela de San Andrés de Teixido, de onde o cura levou a imaxe que agora se venera en Cedeira.

En Abelleira, onde o viaxeiro tiña por costume facer noite, atópase a posada de Pepa da Loba, un personaxe histórico do que se di que comezou como bandoleira, comprou a pensión pero non deixou de roubar polos camiños. Consérvase a casa, con troneiras de defensa fronte á porta, que acubillou nestas terras, e aínda os máis vellos amosan os lugares onde bebían as cabalerías e onde se apostaba a súa xente para asaltar a certos camiñantes.

Rematando o treito de Lousada, intérnase o camiño na parroquia de Roupar, chegando, despois de pasar outro rego, ao lugar do Boucello, para seguir por vías máis modernas ata Penavaqueira e Os Fornos. A este último núcleo quedoulle o nome pola existencia de fornos de pan que cocían con asiduidade para abastecer aos viaxantes do camiño.

Logo aparece a Capela do Campo, adicada á Virxe do Carme e San Caetano, construída no século XVIII.

Continúa o camiño por Casanova e polo lado da Igrexa de San Pedro Fiz de Roupar, de antiga construción e fronte á Escola Habanera levantada coas aportacións dos emigrantes de Roupar a principios do século XX.

Consérvase un edificio antigo que era usado polo corrixidor do rei, en tempos do Conde de Amarante, como prisión. Próximo está o Pozo do Cárcere, que servía para abastecer aos ocupantes do edificio.

Pola agora estrada provincial, chegamos aos Bestelleiros e pasando, preto da Pedreira, por Calousada, Rego dos Sapos, Reboredo, dirección Aguillón, último lugar con casas no Concello de Xermade.

ruta serra da carba xermade1
ruta serra da carba xermade2