José Ramón Rodríguez, Asociación Cuiden maiores e coidadores: “O noso obxectivo é o benestar dos maiores e dos coidadores“

Foz
AMariñaXa
Falamos con José Ramón Rodríguez é o presidente da Asociación Cuiden maiores e coidadores, que atende a maiores e coidadores
asociacion maiores e cuidadores jose ramon
asociacion maiores e cuidadores jose ramon
plosa2
18 jun 2023

Por Ana Somoza López.

José Ramón Rodríguez é o presidente da Asociación Cuiden maiores e coidadores.

Que é a Asociación Cuiden maiores e coidadores?

É unha asociación sen ánimo de lucro creada por profesionais do sector sociosanitario, que día a día, no labor do coidado de persoas maiores e de falar coas mesmas como cos seus familiares coidadores, van vendo as carencias, a falta de información, a falta de apoio e de axuda, … no coidado, non soamente das persoas maiores, senón a dos propios familiares coidadores. E poderíamos seguir así ata mañá, indicando os motivos polos que se creou a asociación. En resumo, o noso obxectivo principal é a de traballar por mellorar la calidade de vida tanto das persoas maiores como a dos seus familiares, coidadoras.

Dende cando está activa?

A verdade é que está creada a finais do ano 2022. E é agora, cando comezamos a rodar … e xa comezamos co noso labor nalgún concello.

Quen forma a directiva?

A directiva esta formada por persoal sociosanitario a excepción dunha. Na presidencia levo dende que se fundou a asociación, novembro de 2022. É dicir, estamos comezado, pouco a pouco e pasiño a pasiño.

Cales son os obxectivos?

Evidentemente temos un obxectivo principal, o benestar tanto das persoas maiores como a dos seus familiares, coidadores. Son moitas as frontes abertas, tanto para as persoas maiores como a dos seus familiares, para chegar a alcanzar o benestar de todos eles.

Que tipo de actividades fan?

Estamos aínda comezando. Proximamente realizaremos tres programas no Valadouro. Dous de eles están dirixidos aos familiares coidadores e son Coidarte e Tardes de lecer. E un terceiro programa, que está dirixido para aquelas persoas maiores que viven soas.

Cal é a problemática á que se enfronta un coidador?

Moitos son os problemas aos que se pode enfrontar a persoa coidadora: estrés, depresión, illamento social, problemas coa familia, falta de apoio, problemas de saúde, perda do seu traballo, falta de coñecementos para coidar e/ou de autocoidado, problemas económicos, etc.

En moitas ocasións a atención resulta complicada ou esgotadora. Que axuda a manter ao coidador?

Se a persoa coidadora está ben, pode proporcionar unha atención máis efectiva e afectuosa á persoa maior. A persoa coidadora debe establecer límites, buscar apoio, manter a súa saúde, ter unha comunicación aberta e fomentar a independencia da persoa maior que coida, entre outros.

Cales serían algunhas suxestións fundamentais para quen coida adultos maiores?

Coidar da súa saúde, actitude positiva, paciencia, planificar, … e lembrar, que ninguén é perfecto nin imprescindible.

Polo xeral, os coidadores de persoas maiores o que primeiro perden é a paciencia. Coinciden nisto?

As persoas coidadoras poden perder a paciencia por varias razóns, que a miúdo están relacionadas co estrés e a sobrecarga de responsabilidades.

Que necesidades ten a asociación?

Temos varias necesidades para poder brindar servizos de calidade e un apoio efectivo.

Que é o máis importante que queren conseguir coa asociación?

O máis importante é brindar apoio e axudar a mellorar a calidade de vida tanto das persoas maiores como a das persoas coidadoras; sen descoidar, o fomentar a educación e concienciación sobre os problemas que afectan ás persoas maiores: discriminación, illamento social (nalgún caso, familiar), soidade, abuso, coidalos, …; así como, a importancia da figura da persoa coidadora, para garantir que as persoas maiores reciban o coidado adecuado e poidan envellecer con dignidade e autonomía. É moi importante recoñecer e apoiar ás persoas coidadoras, para garantir que poidan desempeñar o seu papel de maneira efectiva e saudable, o que beneficia tanto á persoa maior como á persoa coidadora.

Que ideas teñen para o futuro?

Temos moitas ideas e iremos de un en un. Queremos que cada proxecto que fagamos teña o éxito e sustentabilidade no tempo. En verdade, hai moitísimo traballiño que facer aínda. Moito que percorrer, ata chegar a que, todas e todos, novas, novos, vellas e vellos, teñamos unha vellez digna e un coidado de calidade.