As visitas guiadas son as novas propostas para este verán no concello de Barreiros

AMariñaXa
O Concello de Barreiros conta co seu novo Programa de Visitas Guiadas Barreiros queda en ti para este verán con novas propostas respcto ás anteriores edicións.
CARTEL VISITAS GUIADAS VERÁN 2023
CARTEL VISITAS GUIADAS VERÁN 2023
22 jun 2023

O Concello de Barreiros conta co seu novo Programa de Visitas Guiadas Barreiros queda en ti para este verán con novas propostas respecto ás anteriores edicións.

A través de percorridos de diferentes temáticas e en diferentes localizacións do municipio, tanto de interior como de costa, preténdese sacar á luz a esencia do territorio, amosando a súa riqueza cultural, ambiental e xeolóxica así como as formas de vida das súas xentes.

Segundo Ana Ermida, Alcaldesa e Concelleira de Turismo, “en Barreiros contamos con numerosos recursos turísticos dos que estar orgullosos, tanto pola súa beleza como polos seus valores e este programa danos a oportunidade de achegarnos a eles dunha forma máis completa”.

Así, desta vez, contarán coas seguintes cinco propostas con posibilidade de participación tanto en xullo como en agosto:

- A vida aos pés do Mar Pequeno. Iniciaremos un curto percorrido aos pés da ría aproveitando a baixamar para coñecer máis de preto este espazo natural desde o punto de vista ambiental pero tamén cultural. A beleza paisaxística deste espazo será o marco para descubrir os seus numerosos valores e mesmo curiosidades. Será un percorrido circular regresando ao punto de partida a través do Camiño Natural do Cantábrico.

 

- O día a día dun gandeiro. Visita granxa Mantoño Holstein. Co obxectivo de poñer en valor un dos sectores económicos clave ao longo da historia de Barreiros e coa colaboración da gandaría de leite vacún Mantoño Holstein, descubriremos a labor diaria, o meritorio traballo e coñecementos dos gandeiros e gandeiras, así como as instalacións dunha das mellores granxas do país.

 

- Rutas xeolóxicas Litoral de Barreiros. Un percorrido polo litoral de Barreiros no que as nosas praias e cantís revelarán a súa orixe, o seu percorrido polo planeta e o motivo polo que se sitúan aquí. Un itinerario entre furnas, pregues, intrusións de rochas magmáticas e mesmo restos fósiles que non nos deixará indiferentes.

 

- San Miguel de Reinante, pasado moi presente. Neste paseo faremos unha retrospectiva sobre a vida no pobo a través dun percorrido por diferentes vestixios patrimoniais que son testemuñas do pasado.  De entre todo este legado destacan, en número, as distinguidas vivendas habaneras, protagonistas e dominantes na paisaxe rural e urbana nun dos municipios galegos con máis patrimonio indiano.

 

- Santo Estevo do Ermo, refuxio de biodiversidade e patrimonio. A través deste itinerario retrocederemos milleiros de anos somerxéndonos na súa historia, patrimonio material e inmaterial, nos valores da súa fraga e nas orixes dalgunhas das especies que aquí atopamos. Máis aló da súa fervenza este pequeno bosque autóctono é unha caixa de sorpresas, un lugar para apreciar como se merece.

Todas as rutas son gratuítas. As persoas interesadas poden consultar toda a información e inscribirse páxina web de turismo municipal www.barreirosturismo.gal (sección ”Actualidade e Axenda”). Para resolver dúbidas poden contactar coa Oficina de Turismo municipal, teléfono 982 134 400.

Ana Ermida manifesta que “agardamos seguir dando pasos para ampliar a perspectiva turística de Barreiros e poñer así en valor o patrimonio que, ás veces, semella estar agochado e que, sen embargo, se atopa moi presente entre todas e todos nós”.

CARTEL VISITAS GUIADAS VERÁN 2023