A Deputación pon a disposición dos concellos unha canle de denuncias contra a corrupción

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación pon a disposición dos concellos unha nova ferramenta gratuíta de información para avanzar en transparencia e bo goberno
Pazo San Marcos Lugo
Pazo San Marcos Lugo
27 jun 2023

O deputado en funcións de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, deu a benvida a máis dunha decena de técnicos de diferentes concellos da provincia que participaron este luns no Pazo de San Marcos nunha xornada informativa sobre o manexo dunha Canle de Denuncias. Tal e como explicou Rivera Capón, a Deputación de Lugo pon a disposición dos concellos, de xeito gratuíto, esta ferramenta de información que esixe a Unión Europea sobre infraccións normativas e loita contra a corrupción co fin de avanzar en transparencia e bo goberno.

“Nesta xornada ofrecemos información aos concellos sobre como poden activar a Canle de Denuncias, como é o proceso para realizar comunicacións ou como xestionalo”, asegurou o Deputado, quen tamén deu conta aos representantes municipais do convenio tipo que aprobou o pasado venres a Deputación na Xunta de Goberno para que os concellos se adhiran co fin de poder participar nas accións que a institución vai desenvolver grazas aos 4M€ que captou de fondos europeos para avanzar na dixitalización da administración local. Uns fondos que servirán para mellorar a resiliencia dos municipios, crear oficinas de asistencia en materia de rexistro, implantar un sistema de gravación nos plenos dos concellos da provincia ou mellorar a accesibilidade das páxinas webs dos concellos.

Á xornada asistiron representantes dos concellos de Antas de Ulla, Baleira, Baralla, O Incio, Láncara, Palas de Rei, O Páramo, Pedrafita do Cebreiro, A Pontenova, Ribas de Sil e Xermade. Un técnico explicoulles que, en cumprimento do establecido na Lei 2/2023, de 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción, a Deputación Provincial de Lugo implantou xa este sistema interno de información e que servirá para que os cidadáns poidan informar sobre infraccións penais ou administrativas.

Na páxina web da Deputación xa se pode acceder a información relevante sobre a Canle de Denuncias, o responsable do sistema, os dereitos do informante e a política de protección de datos. Así mesmo, pódese consultar o procedemento establecido para a xestión das comunicacións recibidas.