O BNG de Sarria decidiu absterse na investidura de Claudio Garrido e apuntan á "falta de confianza" en Camiña Sarria

SarriaXa
O BNG de Sarria decidiu absterse na investidura de Claudio Garrido e apuntan á "falta de confianza" en Camiña Sarria
BNG Sarria
BNG Sarria
19 jun 2023

Desde o partido nacionalista de Sarria informan de que se abstiveron na investidura do alcalde de Sarria na sesión plenaria celabrada o sábado 17 e non entrar a formar parte do goberno municipal como unha "postura clara do BNG de pór freo aos gobernos da dereita e da extrema dereita".

Así, explican que decidiron non entrar a formar parte do goberno porque "non nos une o proxecto que temos para Sarria co proxecto que representa Camiña, un partido independiente, sen unha ideoloxía clara", argumentan.

Ademais, explican que "durante o pasado mandato chegamos a varios acordos co goberno do Sr. Garrido e non cumpliron ningún. Entre eles, o programa de promoción do comercio local ou a reforma do polideportivo do colexio Frei Luis de Granada, polo que estes incumprimentos dificultan a confianza que poidamos ter co goberno de Camiña", comentan.

Tamén denuncian que nos últimos catro anos, Sarria "retrocedeu en temas tan importantes coma o feminismo e o camiño cara a unha igualdade real, con posturas tibias ante certos actos e o máis grave o peche do CIM, que deixa sen lugar de referencia a onde acudir a todalas vitimas de violencia de xénero da comarca; o uso do galego nos actos oficias e nos plenos reduciuse á mínima expresión e desapareceron todas as campañas de promoción da nosa lingua; e a programación cultural foi pobre carente de identidade, e dependente doutras administracións", sosteñen.

Con todo, din, Camiña Sarria "decidiu ir en coalición con un tránsfuga de Becerreá para tratar de tirar un goberno progresista da Deputación de Lugo, goberno do que o BNG fai parte e que investiu máis de 3 millóns de euros en Sarria no pasado mandato".

Por todo isto, explican, "a decisión lóxica era quedar fóra deste goberno e seguir a facer unha oposición construtiva", sentenciaron.